Xacobeo Classics reúne un gran elenco na estrea da ópera Parsifal, de Wagner

O conselleiro de Cultura e Turismo cualificou a obra, composta por Richard Wagner en 1882, como “unha ópera maiúscula caracterizada pola intensidade de tres longos e complexos actos”, conformando “un dos eventos máis relevantes da programación do Xacobeo que contará cun elenco de primeiro nivel mundial”.
Roberto Varela asegurou que “poder gozar de Parsifal por primeira vez en Galicia, case 130 anos despois da súa estrea, é un auténtico privilexio, pero tamén unha conta pendente que había que saldar” debido a que “non podemos obviar que o Parsifal de Wagner está intimamente relacionado coa cultura galega”. Segundo o conselleiro de Cultura e Turismo, “a ópera wagneriana foi unha das grandes inspiracións de Cabanillas á hora de escribir o seu brillante poemario modernista Na noite estrelecida”.
O titular de Cultura destacou a “Royal Liverpool Philarmonic, a orquestra sinfónica en activo máis antiga do Reino Unido” e o director ruso Vassily Petrenko, “considerado con xustiza un dos mellores directores da súa xeración e, polo tanto, un dos máis brillantes directores novos do mundo”. Respecto aos intérpretes de Parsifal, Roberto Varela destacou ao tenor austríaco Nikolai Schukoff como “o herdeiro de Plácido Domingo, un dos mellores Parsifal das últimas décadas” e gabou á soprano lituana Violeta Urmana pola súa “fama e prestixio que a sitúa nun lugar privilexiado da esfera operística internacional”.
Elenco de renome
Parsifal chegará por primeira vez en Galicia grazas a un espectáculo exclusivo do ciclo Xacobeo Classics que reúne un elenco de luxo con primeiras figuras de nivel internacional baixo a batuta de Vasily Petrenko, recentemente gañador do Brit Award da música clásica ao mellor artista masculino de 2009. Petrenko, a persoa máis nova en ocupar o cargo de director principal da Royal Liverpool Philharmonic, dirixirá á orquestra máis antiga en activo do Reino Unido na que será a primeira vez que interpreten ópera en España.
O Coro da Ópera Nacional de Brno e o Coro Cantabile, formación infantil e xuvenil de A Coruña, acompañarán a un reparto de luxo do que forman parte primeiras figuras internacionais. A voz de Parsifal será a do tenor Nikolai Shukoff, que foi escollido polo Festival de Salzburgo para interpretar esta mesma personaxe coa Filharmónica de Berlín no aniversario do nacemento de Richard Wagner, que se celebrará no ano 2013. A principal personaxe feminina, Kundry, soará na voz da soprano e mezzosoprano Violeta Urmana, que xa interpretou este papel por escenarios de todo o mundo. Kurt Rydl, Jukka Rasilainen, Ain Anger ou Egils Silins, entre outros, completan un reparto que se reúne en exclusiva en Santiago de Compostela para esta versión en concerto da considerada como a última obra mestra composta por Wagner.
Parsifal é unha ópera en tres actos baseada nun poema medieval sobre a vida deste cabaleiro da corte do Rei Artur e a súa busca do Santo Graal, unha viaxe espiritual que garda moitas semellanzas coa que representa o Camiño de Santiago, non só porque moitos autores sinalen a O Cebreiro como o lugar onde se conserva o cáliz da última cea.
Dentro do elenco de artistas que compoñen Parsifal atópase a soprano galega, nada no concello pontevedrés de Ponteareas, Teresa Novoa. A soprano, que interpreta a unha das rapazas flor de Parsifal, comezou o seus estudos específicos de canto en Galicia e finalizounos no Real Conservatorio de Madrid. Ao mesmo tempo que cursaba os seus estudos formou parte do Coro da Comunidade de Madrid, dirixido por Miguel Groba. Ao longo da súa carreira, Teresa Novoa perfeccionou os seus estudos de canto con mestres tan recoñecidos como Montserrat Caballé, Danielle Ferro, Jaime Aragall ou Miguel Zanetti.
A soprano galega centrou a súa carreira musical en recitais e concertos que ofreceu nos teatros e auditorios máis importantes de España, entre os que destacan o Teatro Real, Teatro da Zarzuela, o Teatro Campoamor de Oviedo, o Palacio da Ópera de A Coruña ou o García Barbón de Vigo. Na súa carreira, foi dirixida, entre outros, por Peter Maag, Enrique García Asensio, Fernando Briones ou Luis Malheiro.
DIRECTOR E PROTAGONISTAS
Vasily Petrenko
Nado en 1976 en San Petersburgo, Vasily Petrenko conta cunha amplísima traxectoria a pesar da súa xuventude. É director principal da Royal Liverpool Philharmonic desde o ano 2006, sendo a persoa máis nova en ocupar o cargo. En 2007, Vasily Petrenko foi nomeado Novo Artista do Ano nos Premios Gramophone, e en 2010 gañou o Premio ao Mellor Artista Masculino dos Classical Brit Awards. En 2009 foi nomeado Doutor Honorario pola Universidade de Liverpool e a Liverpool Hope University, en recoñecemento ao enorme impacto que provocou no panorama cultural da cidade. É tamén director principal da National Youth Orchestra of Great Britain e actúa como director convidado con orquestras de todo o mundo.
Nikolai Schukoff
O tenor que interpretará a Parsifal en Santiago de Compostela é o mesmo que foi escollido polo Festival de Salzburgo para facer este papel coa Filharmónica de Berlín no douscentos aniversario do nacemento de Richard Wagner. Trátase dunha das voces máis prometedoras do panorama operístico actual, e ten actuado nos escenarios de Salzburgo, París ou Lyon.
Violeta Urmana
Violeta Urmana, a máis interesante Kundry dos últimos anos, interpreta este papel por primeira vez en España. A cantante lituana é recoñecida hoxe como unha das principais sopranos no repertorio lírico e dramático italiano e alemán, interpretando papeis como os de Aida, Amelia, Elisabetta, Gioconda, Leonor, Tosca, Sieglinde ou Isolda.
REPARTO DA ÓPERA PARSIFAL
• Nikolai Schukoff (Parsifal)
• Violeta Urmana (Kundry)
• Kurt Rydl (Gurnemanz)
• Jukka Rasilainen (Amfortas)
• Ain Anger (Titurel)
• Egils Silins (Klingsor)
• Mikeldi Atxalandabaso (Gralsritter I – Cabaleiro do Graal I)
• César San Martín (Gralsritter II – Cabaleiro do Graal II)
• Sandra Ferrández (Knappe I / Zaubermädchen II – Escudeiro I / Rapaza flor II)
• Alexandra Rivas (Knappe II /Zaubermädchen VI /Eine stimme –Escudeiro II / Rapaza flor VI / Unha voz
• Alexandre Guerrero (Knappe III - Escudeiro III)
• Juan Manuel Padrón (Knappe IV - Escudeiro IV)
• Virginia Wagner (Zaubermädchen I – Rapaza flor I)
• Marifé Nogales (Zaubermädchen III – Rapaza flor III)
• Itziar de Unda (Zaubermädchen IV – Rapaza flor IV)
• Teresa Novoa (Zaubermädchen V – Rapaza flor V)
Coro da Ópera Nacional de Brno
Coro Cantabile
Royal Liverpool Philharmonic Orchestra
Director Vasily Petrenko
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia