A USC e Política Lingüística colaboran nos cursos de galego a estranxeiros

No acto de apertura oficial do curso, que tivo lugar na Facultade de Filosofía da USC, o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, incidiu no feito de que “a todos os alumnos e as alumnas do curso os une o ánimo de coñecer a lingua, a cultura e a historia que nos identifica aos galegos e galegas no mundo”.
Durante a súa intervención, e respecto aos estudantes doutras comunidades autónomas, o secretario xeral tamén fixo fincapé en que o interese e a sensibilidade destes estudantes por coñeceren outras linguas oficiais distintas ao castelán “contribúen a impulsar a percepción da realidade plurilingüe de España como un ben de toda a cidadanía”.
Finalmente, o secretario xeral desexoulles aos estudantes unha feliz estadía en Santiago de Compostela, “cidade universal, que a través das súas peregrinacións foi sempre lugar de encontro de linguas e de culturas diversas”, concluíu.
Xunto con Anxo Lorenzo, tamén participaron na apertura oficial dos cursos o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan José Casares Long; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; a directora do ILG, Rosario Álvarez Blanco; e o director dos Cursos de Verán, Francisco Fernández Rei.
85 estudantes de 27 países
A de 2010 é a vixésimo terceira edición dos cursos, nos que xa participaron máis de 2.200 alumnos e alumnas de moi diversos países de todo o mundo. Esta ano os 85 estudantes matriculados proceden de 27 estados: Alemaña, Arxentina, Brasil, Reino Unido, República Checa, Chile, Costa Rica, Croacia, Cuba, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Indonesia, Irlanda, Italia, Marrocos, México, Perú, Polonia, Portugal, Romanía, Rusia, Ucraína e Xapón.
Unha oportunidade para familiarizarse coa lingua e a cultura galegas
O alumnado está repartido en catro grupos: Elemental A, Elemental B, Medio e Curso Superior de Filoloxía Galega. O profesorado que imparte os cursos son membros dos seminarios da Real Academia Galega, do ILG e da Facultade de Filoloxía da USC.
Esta iniciativa pretende darlles aos estudantes a oportunidade de familiarizarse coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia. Amais das clases teóricas e prácticas de lingua galega, están programadas dez conferencias impartidas por escritores e por persoas de recoñecido prestixio en distintos aspectos da realidade sociocultural de Galicia (literatura, sociolingüística, historia, xornalismo, música, psiquiatría etc.) como son Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Xosé Luís Axeitos, Xosé Manuel Salgado ou Uxía Senlle.
No marco do curso tamén se organizan excursións e visitas a lugares de principal interese cultural e paisaxístico.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia