Teatro, danza e novo circo, na XVIII Feira das Artes Escénicas en Compostela

As compañías e montaxes de teatro galego seleccionadas son Abada Teatro con Ordem e progresso, Caramuxo Teatro con Mensaxe sen botella, Elefante Elegante Teatro con In, Galitoon Productions con Botazz!, Ghazafelhos con Frankenstein, Lagarta Lagarta con Casting (a comedia), Ónfalo Teatro con Na meta (sálvese quen poida), P.T. Excéntricas con Un cranio furado, Santiago Cortegoso con A filla de Woody Allen, Sarabela Teatro con O incerto señor don Hamlet, Talía Teatro con Volpone, Teatro de Ningures con Homes... mulleres, Teatro do Atlántico con Memoria de Helena e María, Teatro do Morcego con A nona e Títeres Trompicallo con O día que chegou unha nube e choveu.
Esta carteleira galega completarase cos espectáculos de danza Shure PG48 da compañía La Macana e Sólodos de SOLODÓSneodans, ademais de incluír unha montaxe de novo circo resultante da ensamblaxe de diferentes números a cargo de varias formacións.
Programa paralelo
Como en anteriores edicións, a Feira Galega das Artes Escénicas desenvolverá así mesmo un programa paralelo que incluirá showcases de danza –pezas cortas a cargo de formacións e artistas emerxentes no panorama coreográfico galego– e diferentes actividades arredor da zona de mercado situada no Auditorio de Galicia, onde se instalarán un total de 16 stands de asociación e empresas so sector.
A organización da Feira mantén aberto ata o vindeiro día 20 o prazo de inscrición de profesionais dirixido prioritariamente a programadores, produtores, distribuidores e prensa especializada en artes escénicas de toda a Península. Este é o público preferente desta carteleira que, porén, tamén abrirá as súas portas ao resto de espectadores, en función das localidades dispoñibles para cada unha das representacións que se desenvolverán en seis espazos composteláns: Auditorio de Galicia, Aula de Cultura de Caixa Galicia, Sala Capitol, Salón Teatro, Teatro ARTeria Noroeste e Teatro Principal.
Máis información: www.feiradasartesescenicas.com
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia