O cineasta galego Oliver Laxe presenta en Cannes Todos vós sodes capitáns

Por primeira vez unha produción galega resulta seleccionada nesta categoría. Cómpre destacar que só foron elixidos 24 de máis de 2.000 traballos, e que nas últimas dúas edicións non houbo ningunha película española presente neste certame.
Deste xeito, Laxe acude á 63ª edición do Festival de Cine de Cannes con tan só 28 anos, e aínda que a sección na que se proxecta a película atópase fora de concurso, a Quinzainne des Realitateurs serviu en exercicios precedentes para descubrir talentos da talla de Bigas Luna, Fassbinder, Ang Lee, Jim Marmush ou Martin Scorsese.
A cinta, tras ser exposta no Théatre Coroisette, tamén opta á Cámara de Ouro, galardón reservado aos mellores debuts.
Fillo de emigrantes
Oliver Laxe naceu en París no ano 1982, regresando a Galicia á idade de 7 anos. Tras estudar cinematografía na Universidade Pompeu Fabra de Cataluña, trasladouse a vivir a Tanger, onde habita dende hai catro anos. Alí creou e desenvolveu “Dao Byed”, un taller de creación de cine en 16 mm para nenos desfavorecidos. Deste taller xurdiu a súa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns.
O filme, rodado en 35 mm e en branco e negro, narra a historia dun director de cine europeo que realiza unha película cos nenos dun centro social de Tanger, o que fará evolucionar a súa relación cos rapaces ata transformar o proxecto.
A película, elaborada durante un ano e medio, custou só 30.000 euros, sendo producida e montada polo propio director.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia