Recupérase a primeira publicación do poema de Novoneyra Letanía de Galicia

Antón Bao, na súa intervención aos medios logo da Xunta de Goberno da Deputación que presidiu, lembrou a historia da primeira edición deste poema que a Área de Cultura recuperou e distribuirá franqueada por unha orla con debuxos de Castelao. O director da publicación era o enxeñeiro agrónomo e profesor Odón Luís Abad Flores, o subdirector o veterinario e profesor Leoncio Cadórniga Carro e o xefe de redacción o alumno Adolfo de Abel Vilela. A Letanía, segundo lembrou Bao, foi prohibida en tres ocasións pola censura, nunha delas aparecía na cuberta dun disco. Foi o colaborador da revista Xesús Alonso Montero, que era veciño de Abad Flores, o que propuxo a publicación. Decidiuse facer unha orla reproducindo debuxos de Castelao tomados do Álbum Nós que fotografou o que era alumno Miguel Ángel Montero Vaz, dun exemplar que tiña na súa casa Abad Flores. Debuxou a orla por encargo de Adolfo de Abel o pintor Luís Gómez Pacios.
Conscientes da importancia da súa saída á luz, fixéronse cincuenta separatas en cartolina para que Uxío as puidese regalar. Desconfiando que se ordenase o secuestro da publicación agachouse a maior parte da tirada da revista, pero non houbo ningún problema posiblemente porque na delegación provincial de Información e Turismo fixeron para Madrid unha tradución suavizada do texto e porque entre os responsables da revista había persoas de confianza do réxime. Neste sentido, Antón Bao afirmou que “a recuperación e distribución destes exemplares da Letanía de Galicia fan parte da contribución con todas as actividades que está a realiza a Área de Cultura da Deputación ao recoñecemento do Día das Letras Galegas a Novoneyra”.
Vítor Otero (Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo)