O director xeral de Cultura compromete o impulso á difusión literaria para solventar a “débeda con moitos Balbinos anónimos” no 50 aniversario de Memorias dun neno labrego

O director xeral expuxo o compromiso da Xunta de Galicia no que responde á difusión da cultura galega a través da promoción da lectura, asegurando que “agora correspóndenos dar o noso impulso, con fidelidade e gratitude ao recibido, e, no que atinxe ao noso goberno, facémolo desde a consciencia de que temos unha débeda importante con moitos Balbinos anónimos”. Neste senso, o director xeral afirmou que “Balbino vive tamén aquí, na era do capital intelectual, e tamén sabe interpretar os novos medios, as relacións infinitas entre todos os seres humanos, como parte da súa vida, como puntos de apoio firmes para desenvolvernos”.
Este curso realízase en conmemoración dos 50 anos da obra considerada como iniciadora da literatura infantil e xuvenil galega, Memorias dun neno labrego, redactada no segundo semestre de 1960 e publicada en 1961. Facendo referencia este clásico de Xosé Neira Vilas, Francisco López asegurou que pode constatar como “crece a literatura, como ese reflexo marabilloso da realidade cambia nos seus textos e colle profundidade, baixo o prisma dunha experiencia colectiva”.
Asemade, Francisco López gabou o traballo do “home extraordinario que escribiu Memorias dun neno labrego, Xosé Neira Vilas, e quen coma el decantou ese punto de calidade para transmitilo aos públicos sucesivos”. “Para aquelas Memorias dun neno labrego, para aquel rapaz que descubría en 1960 o seu lugar no mundo, existe un antes, do que procede a súa identidade, as súas referencias, o fogar, no sentido simbólico da palabra”, engadiu.
O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura animou a “ter confianza en nós mesmos, na nosa colectividade” e advertiu que o modelo a seguir será “no ámbito cultural, como referente de toda a sociedade, a través da creación, que agranda as perspectivas das persoas, ao ofrecer modelos libres de interpretación do que nos rodea, dos medios materiais e intelectuais que manexamos”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia