Saen á venda as entradas dos concertos de Luz Casal

O Centro Cultural de Caixanova da cidade do Lérez será o primeiro en acoller a actuación dunha das artistas galegas máis laureadas, Luz Casal, que subirá ao escenario a partir das 21.00 horas do día 28 de maio. Os prezos das localidades varían entre os 20, 25 e 30 euros. Ao día seguinte, e á mesma hora, estará no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo e, para esta ocasión, as entradas pódense comprar por 20 ou 30 euros.
Cunha inconfundible voz, a artista interpretará as súas cancións máis célebres, ademais de descubrir algúns dos seus temas do seu novo traballo de estudo, La Pasión, co que rende homenaxe ao bolero latinoamericano e co que se achega ao xénero que dominou o universo musical dese territorio ao outro lado do océano durante a maior parte do século XX.
Por outra banda, á cidade olívica chegará o vindeiro 28 de abril Raphael, que actuará no Teatro Sala de Concertos da Obra Social de Caixanova de Vigo, a partir das 21.00 horas, nun evento promovido polo Xacobeo e a Fundación Porto de Vigo. Este evento terá fins benéficos, pois os fondos irán destinados a asociación AFAN (Asociación Freijeiro de Ayuda al Necesitado), de Vigo, e que proporciona axuda e recursos ás persoas máis desfavorecidas da cidade.
Vigo acollerá, pois, unha nova etapa na xira 50 anos despois, coa que o intérprete celebra o seu medio século de traxectoria musical. A privilexiada voz do intérprete de temas como Escándalo ou Como yo te amo estará acompañada unicamente polo piano de Juan Esteban Cuacci, co que fará un repaso dos temas que marcaron toda a súa carreira. O prezo das localidades oscilan entre os 20,70 euros aos 40 euros.
Despois de ter levado esta xira por grandes teatros en New York, Bos Aires, Lima, Moscú, Madrid ou París, o cantante recalará con esta xira, tamén, en A Coruña nun dobre concerto no Teatro Colón de man do Xacobeo e Caixa Galicia os días 23 e 24 de abril, propoñendo ao público unha velada íntima e cun delicado aceno teatral que impregnará coa súa paixón e talento incomparable.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia