Continúa o programa ST Música Presente coa actuación do cantautor Emilio Rúa

A cantante galega Uxía e o músico músico brasileiro Sérgio Tannus producen este novo disco de Emilio Rúa, gravado e mesturado no estudio de Gondomar Casa de Tolos, no que o autor explora novos rexistros e no que as harmonías gañan terreo. O resultado é, nas súas propias palabras, un traballo que conxuga os seus dous mundos –a música e a terra– e no que as harmonías gañan terreo. Son, en total, 12 temas que conforman, ademais, a base do repertorio que interpretará o venres no concerto que promoven a AGADIC e Nalgures Producións.
Destacadas colaboracións
Neste sentido, contou coas achegas de coñecidos músicos de Galicia e Portugal e colaboracións destacadas coma a de Luís Tosar, Guadi Galego, Toni Lomba, Quin Farinha, Marcos Teira, Budiño e a mesma Uxía. Asemade, e como nos seus traballos anteriores, mergúllase na música tradicional coa súa versión do tema Lela, reinterpretando tamén cancións de autores como Magín Blanco, Uxía e Sérgio e poñendo música a unha das poesías de Manuel Rivas.
Emilio Rúa comezou a cantar sendo aínda un cativo na agrupación familiar Concorde Atenea, que fundara o seu pai nas Vendas da Barreira (Riós), localidade de onde é orixinaria toda a súa familia. Guitarra en man, comezou a compoñer e a presentarse a concursos. Tras un dos seus recitais ofréceselle a oportunidade de gravar un primeiro disco compacto, publicado no 2000, e seis anos despois grava o seu segundo traballo discográfico (Vida miña), para o que contou coa produción artística de Uxía Senlle e que marcou un claro punto de inflexión na súa carreira artística.
As súas cancións móvense entre os sons pop e a música tradicional, sempre dende a súa visión persoal. En canto ás temáticas, a intimidade e a tenrura que envolve a súa música non lle impide abordar reivindicacións sociais e individuais como a soidade, o desamor ou a fin da violencia.
Venda de entradas
As entradas para o concerto de Emilio Rúa no Salón Teatro xa están á venda a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43 a un prezo especial único de 5 euros. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse o mesmo venres a partir das 18.30 horas.
Este programa de concertos, deseñado e promovido pola AGADIC en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), ten como prioridade ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas dende unha perspectiva esencialmente comercial. As próximas citas terán lugar no mes de abril: Álvaro Vieito Cuarteto (20 abril), Ophiusa (27 de abril) e BellónMaceiras Quinteto (30 de abril).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia