Alonso Montero, doutor honoris causa pola UNED

Ademais de honrar as brillantes traxectorias académicas e profesionais destes profesores, a UNED quixo poñer de relevo a través deste acto o seu compromiso coa ensinanza das catro linguas oficiais do Estado, que vén impulsando en estreita colaboración cos diferentes departamentos de Política Lingüística das respectivas comunidades autónomas.
Nesta liña, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo está a apoiar a UNED para impulsar o recoñecemento do galego no marco da realidade plurilingüe do Estado español a través da oferta docente desta lingua por parte da universidade. A Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén colabora con outros organismos para promover unha maior oferta de estudo da lingua galega, como é o caso do Instituto Cervantes.
Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero é académico da Real Academia Galega, catedrático emérito de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, erudito, polígrafo e ensaísta. Ten dedicado unha parte non pequena do seu incansable labor intelectual a estudar e divulgar figuras e feitos capitais da historia cultural e literaria de Galicia. Comeza a súa carreira como investigador en 1966 cando obtén o grao de doutor por unha tese sobre Manuel Curros Enríquez. Desde entón ata hoxe, ten publicados máis de 50 libros e é autor dun incontable número de artigos e ensaios.
37º aniversario da UNED
Ao longo de todo o día sucedéronse diversos actos en Madrid para celebrar o Día da UNED, cando se cumpren 37 anos da creación desta universidade. Actualmente, a UNED conta con 61 centros asociados en España e un total de 16 centros de apoio no estranxeiro.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia