Presentado o ciclo Os oitenta de Groba, a homenaxe ao músico galego dentro do Xacobeo Classics

O conselleiro de Cultura e Turismo afirmou que o ciclo ‘Os oitenta de Groba’ “busca que a creación musical de Roxelio Groba teña a maior presenza posible en toda Galicia, porque o Xacobeo 2010 é o marco idóneo para encaixar esta serie de concertos”.
‘Os oitenta de Groba, é unha actividade coa que o Xacobeo Calssics rende homenaxe ao decano dos compositores galegos Roxelio Groba, no seu oitenta aniversario, levará por oito vilas galegas a música do máis prolífico autor musical de Galicia, con preto de 600 obras no seu catálogo. A través de oito concertos, cuxo acceso será libre e gratuíto, a Orquestra de Cámara Galega, dirixida por Roxelio Groba Otero, interpretará algunhas das obras máis coñecidas do compositor ponteareán, conxuntamente con pezas de Chaicovski, Mozart, Britten e Barber, entre outros compositores.
Este evento acollerá a estrea mundial de dous novos ciclos para soprano e orquestra, ‘Na suaviña’ e ‘Na barxa’ de mesmo Roxelio Groba, nos que participará a soprano Cecilia Lavilla Berganza. Xunto á Orquestra de Cámara Galega participará ademais neste ciclo unha clarinetista galega, Lola García, que interpretará o coñecido ‘Concerto para clarinete’ de W.A. Mozart. ‘Os oitenta de Groba’ arranca o próximo sábado en Vilalba, e nos próximos meses percorrerá a poboacións de Lalín, Viveiro, A Estrada, Vilagarcía, Ortigueira, Mondariz e Betanzos.
Roberto Varela reivindicou que “gozar da música clásica e a interpretación en directo, das creacións dun compositor como Roxelio Groba, non pode ser xamais un privilexio reservado a unha elite, un pracer confinado a certas esferas. “Neste caso resulta máis adecuado que nunca aplicar o principio de descentralización empregado na programación xacobea, porque esta descentralización ven a significar, simplemente, a posibilidade de compartir entre todos os galegos a grandeza deste Ano Santo”, engadiu o conselleiro.
Protagonismo da música galega no Xacobeo 2010
Roberto Varela salientou que a Consellería de Cultura e Turismo está realizando “unha clara aposta pola música galega, polos nosos creadores, intérpretes, directores e agrupacións musicais, pero tamén polos promotores e polos organizadores de eventos e concertos do noso país”. Este compromiso, segundo o conselleiro “reflíctese na programación do Xacobeo 2010, no que a música galega ten un protagonismo máis que destacado”.
O conselleiro de Cultura e Turismo destacou que “o setenta e cinco por cento dos proxectos aprobados ata o momento para o Xacobeo son propostas de empresas, colectivos ou artistas galegos”. En referencia a outros programas musicais, Roberto Varela salientou “a notable presenza de artistas galegos no Sonar e a enorme promoción para a nosa música folk e tradicional que vai supoñer o ciclo Xacobeo Raíces.
No ámbito da música clásica, Roberto Varela, afirmou que os dous festivais estrela do Xacobeo, Xacobeo Classics e Via Stellae, estarán comisariados e dirixidos por galegos, e recalcou “que os cento cincuenta concertos previstos serán realizados por empresas galegas e que as principais orquestras galegas participarán en varios proxectos”. Nesta liña, o titular de Cultura e Turismo incidiu en que “se seguirá programando e difundindo música galega para que na programación do Xacobeo 2010 os nosos creadores musicais miren de igual a igual ós artistas internacionais máis importantes.”
Dixitalización do legado de Roxelio Groba
Roberto Varela, afirmou que o convenio asinado con Roxelio Groba o pasado mes de novembro para a realización deste ciclo “constitúe unha proba máis da implicación da Xunta de Galicia coa música galega, cos compositores, agrupacións e intérpretes do noso país”.
Asemade, o conselleiro de Cultura e Turismo manifestou que é “imprescindible traballar coa Fundación para garantir, por unha banda, a conservación do extraordinario fondo bibliográfico-musical de Roxelio Groba, e por outro lado para axilizar o seu acceso e estudio”. Neste sentido, o convenio asinado recentemente permitirá a dixitalización deste arquivo e a súa inclusión nos fondos do Centro Superior Bibliográfico de Galicia, “unha aposta, de novo, pola difusión da creación musical galega”, engadiu Varela.
Os resultados do proceso da conversión a formato dixital dos rexistros bibliográficos pasarán á disposición da Fundación Cidade da Cultura para a súa inclusión nos fondos dixitais do Centro Superior Bibliográfico de Galicia, dentro do proxecto Bibllioteca de Galicia, o que garantirá a súa difusión pública e consulta dos mesmos mediante as novas T.I.C. (Tecnoloxía da Información e da Comunicación).
Unha vida dedicada á cultura
O compositor, mestre e pedagogo Roxelio Groba naceu en Ponteareas en 1930. É autor dun total aproximado de tres centos de obras que abarcan todos os xéneros, incluíndo Lied, música de cámara en abundancia, once concertos para solista e orquestra, seis sinfonías, sete cantatas, dúas óperas, ballets cinco, entre outros.
Estudou no Conservatorio Real de Música de Madrid. Posteriormente, mudouse para a suíza, onde residiu durante sete anos e que gañou o Premio Internacional de Composición Dante Luiñas. Máis tarde, en España, foi nomeado director da Banda - Orquesta Municipal de A Coruña. Simultaneamente, el fundou a Orquestra do Conservatorio de Música da Coruña e da Orquestra de Cámara Municipal.
Escribiu varios ensaios e libros e, desde 1992, dedicase exclusivamente á creatividade musical. Na súa traxectoria, Roxelio Groba recibiu galardóns de recoñecido prestixio como o Premio da Crítica Galega en 1979, o Premio da Xunta de Galicia da Cultura en 1992, a Medalla Castelao en 1995, o "Galego do Ano" en 2002 ou o Premio Internacional Auditorio de Galicia en 2004. É membro da Real Academia de Belas Artes de Galicia, da Real Academia de San Fernando en Madrid, e do Instituto de Estudios Coruñeses Jose Cornide.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia