A Real Academia de Bellas Artes de Madrid acolle unha retrospectiva de Maruja Mallo

Segundo o conselleiro Roberto Varela, “desde a Consellería de Cultura e Turismo estamos a promocionar o Xacobeo 2010 e a cultura galega no exterior con valentía e decisión”. “Do mesmo xeito, reclamámoslle ao Goberno central unha implicación efectiva ao mesmo nivel na defensa do Ano Santo, con pasos firmes e actos concretos dentro da programación cultural da Presidencia Española da Europea”, explica. Neste sentido, Roberto Varela recordou que dos 419 actos culturais programados pola Presidencia Española da Unión Europea “só catro son en Galicia, unha demostración palpable da falta de compromiso do Goberno central coa celebración do Ano Xubilar Compostelán na nosa Comunidade”. “Non responde a un reparto equitativo”, engadiu.
Asemade, a decisión de que A Coruña non acolla definitivamente a reunión de ministros de Cultura da Unión Europea “supón outra oportunidade perdida polo Goberno central para amosarlle ao mundo a relevancia dun acontecemento histórico como é o Xacobeo”. Respecto aos motivos de “equilibrio territorial” esgrimidos polo Goberno central para tomar esta decisión, o conselleiro asegurou que non se entende neste ano de celebración do Xacobeo. "Ese reparto é lóxico en calquera outra circunstancia, pero este ano non ten tanta lóxica”, asegurou. Na súa opinión, o Executivo central debería facer “unha excepción” no reparto de actos europeos.
Artista universal
A exposición “Maruja Mallo”, organizada pola Fundación Caixa Galicia coa colaboración da Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC), ofrece unha oportunidade única de gozar dunha ampla escolma da xenial obra pictórica da artista viveirense. Representa a maior e exhaustiva retrospectiva de Maruja Mallo feita ata o momento, que, tras o seu paso por Vigo reúne en Madrid 142 pezas que conforman a maior e máis exhaustiva retrospectiva dedicada á gran transgresora da xeración do 27. Este proxecto expositivo recupera e defende a determinante achega de Maruja Mallo ás vangardas do século XX.
Segundo Roberto Varela, Maruja Mallo foi unha "muller valente na súa forma de ser e expresarse artisticamente, formando parte da vangarda surrealista nun lugar de honra”. “A súa obra demostra que a calidade non entende de fronteiras e transforma aos nosos creadores en artistas universais”, destacou.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia