Ferrol pecha a conmemoración do 150 aniversario da cidade

Ferrol, a fotografía antiga nace da exposición A Fotografía Decimonónica en Ferrol, a mostra coa que se inauguraba en outubro de 2008 o calendario de actos para conmemorar o aniversario da concesión do título de cidade por parte da raíña Isabel II. Era precisamente a raíña Dona Sofía a encargada de presidir a apertura da exposición no mesmo Museo de Herrerías. Comisionada por Guillermo Escrigas, estaba composta por un centenar de imaxes de diversos fondos, tanto museísticos como particulares, agrupados en sete bloques temáticos. Entre eles, a xente, os barcos, as costumes e as visitas reais. Así, a través delas, o visitante podía realizar unha retrospectiva do Ferrol do século XIX e inicios do XX, momento no que a vila de Ferrol daba o salto a cidade. De feito, a primeira fotografía da mostra databa de 1858, unha imaxe tomada por José María González en San Campio, nos días previos á visita de Isabel II a Ferrol.
O libro de fotografías que se presentou abrangue tamén un centenar de imaxes, aínda que dun periodo máis amplo que o da exposición. Así, recolle a historia da cidade entre 1858 e 1904. Son 122 páxinas nas que se mostran as imaxes en bitono, respetando ao máximo os orixinais e cunha breve reseña que inclúe autor, ano e título. Será a partir deste xoves, 31 de decembro, cando as librerías da cidade poñan á venda os exemplares, que o Concello tamén asume como regalo institucional.
Así as cousas, Vicente Irisarri aseguraba que era o momento de agradecer a todos cantos participaron na celebración deste aniversario tan especial. Unha conmemoración na que, a través das diferentes propostas deseñadas polo Concello, se viviu o orgullo de ser ferrolán. Por iso, o alcalde de Ferrol quixo comprometer o seu traballo e o da corporación a favor do presente e futuro da cidade, de tal xeito que dentro doutros 150 anos as xeneracións futuras poidan sentirse tamén orgullosas da súa cidade. Por último, agradeceu o traballo incansable de Guillermo Escrigas e a profesionalidade da editorial local Embora.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol