O galego chega a Berlín para participar nun gran escaparate mundial

A Xunta de Galicia conta cun expositor no que se lles ofrece información aos visitantes sobre os cursos de galego para os estranxeiros, sobre recursos e materiais en lingua galega que poden atopar no mercado e na rede ou acerca da historia e da situación actual do idioma. Así mesmo, as persoas que se acheguen ao espazo de Galicia tamén poderán coñecer de preto o funcionamento e os programas de aprendizaxe que ofertan os centros de estudos galegos que funcionan nas universidades alemás de Berlín, Heidelberg, Tubinga e Kiel.
Numerosos escolares de diversos lugares están a visitar a Expolingua, un encontro que conta cunha asistencia media anual de 15.000 persoas. Expolingua está aberta ao público en xeral, en horario de 10:00 a 18:00 horas, malia que entre os seus visitantes se atopan, maioritariamente, estudantes, profesores, catedráticos, tradutores e intérpretes. Polo que atinxe aos expositores, participan desde administracións públicas ata universidades, escolas de idiomas, embaixadas, institutos de cultura, editoriais e fabricantes de software especializado na aprendizaxe e tradución asistida por ordenador, entre outros.
Actividades paralelas
A feira internacional de linguas de Berlín tamén lles ofrece aos visitantes a posibilidade de participar en obradoiros, presentacións, cursos de idiomas (na imaxe, participantes do curso de galego que tivo lugar hoxe pola mañá) e proxeccións de películas, entre outras actividades.
Promoción da diversidade lingüística
As expolinguas constitúen espazos de encontro de diversas institucións lingüísticas de todo o mundo e mais entidades de formación en idiomas, cuxo obxectivo prioritario é o de favorecer o intercambio e a promoción da diversidade lingüística, así como dar a coñecer ferramentas e posibilidades de aprendizaxe aos visitantes.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia