Galicia e Cataluña analizan o futuro do encaixe artesanal

O encontro está dirixido a artesáns, deseñadores, estudantes e profesionais de sectores vinculados directa ou indirectamente co encaixe, coa súa produción, coa súa comercialización ou co patrimonio cultural. Os contidos da xornada son moi amplos, dende a conferencia inaugural sobre a historia do encaixe, ata a comercialización en diversos mercados e a colaboración do encaixe con outros sectores coma o turismo ou a moda. Para participar neste encontro desprazáronse ata Barcelona seis artesás profesionais do encaixe, a directora da Mostra do Encaixe de Camariñas, Dolores Lema, os concelleiros de Encaixe, Desenvolvemento e Turismo, Sergio Caamaño, e de Urbanismo, Mercedes Martín, así como un representante da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.
Por outro lado, no ano 2009, a Consellería de Economía e Industria investiu un total de 50.000 euros destinados á organización e á promoción desta actividade artesanal de longa tradición en Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. En concreto, o investimento destinouse a apoiar a celebración da XIX Mostra do Encaixe de Camariñas, celebrado do 8 ao 12 de abril, e máis á organización dunhas xornadas técnicas dirixidas a artesáns e a asociacións de artesáns que tiveron lugar durante o desenvolvemento da Mostra. As xornadas trataban sobre técnicas de empaquetado, deseño de encaixe e o modelo das cooperativas aplicado ao desenvolvemento do sector do encaixe en Galicia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia