Nove compañías galegas pechan 80 funcións de danza e teatro infantil en varias zonas de España e Portugal

Organizada pola AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo, esta décimo sétima edición do evento acolleu dende o pasado luns a exhibición de 20 espectáculos galegos (11 de teatro para adultos, seis de teatro para público infantil e tres de danza), que foron seguidos por un total de 3.509 espectadores. Cunha elevada media de ocupación nos cinco espazos nos que se desenvolveu o cartel artístico (Auditorio de Galicia, ARTeria Noroeste, Sala Nasa, Salón Teatro e Teatro Principal), os profesionais acreditados e o público xeral encheron o aforo dispoñible en máis da metade das funcións programadas.
Escenarios, festivais e redes escénicas
Títeres Trompicallo, Producións Acontrabutaca, Entremans, Sarabela Teatro, O Retrete de Dorian Gray, Galitoon, Teatro do Morcego, Berrobambán e Nut Teatro son as 9 compañías que xa teñen confirmada a súa presenza en escenarios, festivais e redes escénicas de fóra de Galicia a través dos contactos establecidos durante a celebración da Feira Galega das Artes Escénicas.
En concreto, Trompicallo pechou 26 funcións de Violeta Coletas contra as salchichas. Gulp! coas redes de teatros de Castela-A Mancha e Euscadi; Producións Acontrabutaca, ofrecerá 16 representacións de A horta animada en diferentes escenarios de Andalucía, Comunidade Valenciana, Madrid e Navarra; a compañía de danza Entremans, 15 do espectáculo Concerto desconcerto en Castela-A Mancha; Sarabela Teatro, 12 de Cósima no festival Teatralia que se desenvolve en diferentes escenarios da Comunidade de Madrid; e Teatro do Morcego, dúas do seu Lazarillo de Tormes no Festival de Teatro Clásico de Alcalá de Henares.
En Portugal, actuarán as compañías O Retrete de Dorian Gray con tres funcións de Rúa Aire, Galitoon Productions con catro de Babiliglub, Berrobambán con unha de Bicharada, e Nut Teatro cunha de Wake up.
Ao balance final de contratación exterior, haberá que engadir así mesmo as representacións concertadas cos programadores galegos asistentes, que se materializarán fundamentalmente no calendario de actividade de 2010 da Rede Galega de Teatros e Auditorios e da Rede Galega de Salas.
Gabinete de Comunicación de Agadic