Cultura acorda cos editores potenciar a imaxe de Galicia nas feiras

Deste xeito, acordouse establecer unha actuación coordinada que potencie a imaxe de Galicia e facilite o achegamento dos axentes internacionais do mercado do libro, na súa forma tradicional e nos novos formatos. Segundo esta liña estratéxica, Cultura e Turismo apoiará a presenza de Galicia nas feiras de Frankfurt e Líber, en outubro deste ano, e na de Guadalajara (México) nos últimos días de novembro e primeiros de decembro.
Con vistas ao próximo exercicio de 2010, Francisco López confirmou que está programada a asistencia á Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, outra viaxe promocional a Buenos Aires, e no derradeiro trimestre acudir de novo os compromisos de Líber, Frankfurt e Guadalajara. O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura comprometeuse neste acto “non só a incrementar o esforzo para integrar o libro galego no eido internacional, senón mesmo melloralo dentro dos seus medios para unha eficaz e duradeira mellora nos índices de lectura e uso da nosa produción editorial”.
Grupo de traballo
No encontro mantido na Consellería de Cultura e Turismo abordouse tamén a importancia fundamental de impulsar aspectos relativos á plasmación práctica de ideas, especialmente as referidas ao desenvolvemento da Lei do Libro e da lectura de Galicia, co obxectivo claro de que o sector incremente substancialmente a súa solidez en base aos parámetros de calidade e profesionalidade acadados até agora.
Co obxectivo de canalizar esta proposta, constituirase un grupo de traballo que abordará 28 puntos básicos para o crecemento do mundo editorial de Galicia, relativos á promoción de obras galegas, mercados de dereitos ou competitividade internacional.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia