Tres novos albergues para peregrinos no Camiño Inglés

Entre as actuacións previstas, a Consellería de Cultura e Turismo contempla asemade o aproveitamento como albergue da Reitoral de Poulo. Para acadar este obxectivo, é preciso avanzar nas negociacións entre o concello de Ordes e o Arcebispado de Santiago para a cesión do edificio.
Plan Corrector
A reunión de traballo enmárcase dentro da serie de encontros informativos que os máximos responsables da Consellería de Cultura e Turismo veñen mantendo cos alcaldes dos concellos polos que pasan os Camiños de Santiago. Despois da consulta escrita aos responsables municipais sobre as necesidades e deficiencias dos tramos da súa área de influencia, ábrese agora un novo período de suxestións para redactar a segunda fase do Plan Corrector dos Camiños de Santiago.
Tras a aprobación no Consello da Xunta o pasado 27 de xullo da primeira parte do Plan, referida aos Camiños Francés, Portugués e Fisterra-Muxía cun investimento próximo aos 5,8 millóns de euros, a previsión da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, adscrita á Secretaría Xeral para o Turismo, é a de presentar esta segunda fase a principios do mes de outubro. Neste documento especificaranse as accións e intervencións no Camiño Inglés referidas á rehabilitación e ampliación da rede de albergues, á recuperación e conservación do medio físico, á sinalización da ruta e as tarefas de limpeza e roza. Neste último caso, os labores serán xestionados polos propios Concellos que recibirán para sufragalos un total de 400 euros por kilómetro.
Promoción dos Camiños
Durante a reunión cos alcaldes dos concellos, a presidenta do Consorcio do Camiño Inglés, a alcaldesa de Betanzos María Dolores Faraldo, deu traslado das necesidades específicas respecto á reparación, conservación física, sinalización, xestión dos albergues e promoción desta ruta. Neste sentido, o conselleiro recordou que a Consellería de Cultura e Turismo fará especial énfase na promoción e posta en valor de todos os Camiños de Santiago, ademais do Camiño Francés, de cara a que todas as rutas xacobeas aproveiten o impacto do Xacobeo 2010.
Consellería de Cultura e Turismo