Acórdase a constitución dun centro de investigacións xacobeas con sede en Santiago de Compostela

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, o xerente do Xacobeo, Ignacio Santos, e o presidente do Comité de Expertos, Paolo Caucci von Saucken, compareceron en rolda de prensa tras o encontro para explicar polo miúdo os acordos acadados para levar adiante proxectos de grande calado de cara ao vindeiro Ano Santo Compostelán así como medidas que teñan continuidade no tempo unha vez transcorrido o Xacobeo 2010.
Deste xeito, a Consellería de Cultura e Turismo, asesorada polo Comité de Expertos, acordou pór en funcionamento un centro de investigacións sobre o culto e a cultura xacobeas que terá a súa sede en Compostela e que aglutinará o saber e a bibliografía existente sobre este eido. Para crear este centro é importante ter en conta a utilización das novas tecnoloxías da información e da comunicación de xeito que os fondos existentes nel poidan ser consultados dende calquera lugar do mundo. Todos estes proxectos, tal e como destacou o conselleiro, nacen con “vocación de perdurabilidade no tempo”, isto é, malia que teñen o Xacobeo 2010 como punto de orixe non son efímeros senón que se constitúen para permanecer en funcionamento.
Sede na Cidade da Cultura
O obxectivo do centro é potenciar a investigación e recompilar nun único punto de referencia todas as publicacións e artigos que teñan vinculación co fenómeno xacobeo e mais co Camiño de Santiago. A intención da consellería é que a Cidade da Cultura acolla o centro na súa biblioteca e que se creen outros proxectos de investigación a partir da súa constitución como pode ser unha base de datos de iconografía xacobea on-line. Así mesmo, o Comité de Expertos encargarase de exercer de Consello de Redacción da revista de investigación de primeiro nivel, Ad Limina, cuxo número cero sairá á luz en 2010. Na reunión que tivo lugar hoxe tamén se abordaron aspectos relativos á programación do vindeiro Ano Santo Compostelán como a organización dun congreso sobre as peregrinacións maiores.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia