O Teatro Jofre acolle a estrea da última montaxe de Teatro do Noroeste: Glass City

Mercedes Carbajales explicaba que na actualidade a compañía está aínda en fase de producción do espectáculo e avanzaba que na semana previa á estrea Teatro do Noroeste trasladará á cidade naval os ensaio. Apuntaba que, debido á calidade da obra, o seu carácter innovador e ao ser Ferrol a primeira cidade que acolla a representación, o Concello decidiu programar tres días de pases: o 24, 25 e 26 de setembro. É por isto que animou a todos os cidadáns e cidadás a achegarse ao Jofre neses días e seguir o espectáculo de Teatro do Noroeste, unha compañía de primeiro nivel na escea galega e nacional. Nesta liña, a actriz local Luma Gómez apuntaba que, tras o seu paso por Ferrol, a compañía iniciará unha xira ata o mes de decembro polas principais cidades e vilas de Galicia. Aínda así, explicou que, posteriormente, se preparará a versión en castelán para a súa distribución por toda a península.
Pola súa banda, Eduardo Alonso destacou as posibilidades do Teatro Jofre. O primeiro teatro no que iniciou a súa traxectoria profesional. Un teatro que, segundo recoñeceu, sinte moi profundamente. Pero, centrándose en Glass City (Cidade de Cristal), Alonso explicou que é unha obra musical de grande formato na que participan catorce actores e actrices e conta con músicos en directo que interpretan os temas musicais e as cancións que aparecen no espectáculo. En Glass City hai dúas cuestións que impregnan todo o argumento do espectáculo e forman parte esencial da obra: o lugar e a época. O lugar é a cidade de A Coruña, e a época é o setembro de 1958. Nesa época e nesas datas adoitaba pasar varios días de veraneo o entón xefe do Estado Español, o ditador Francisco Franco, en A Coruña. Con el chegaban á cidade unha morea de ministros e altos cargos daquel goberno que, instalados na cidade, a transformaban, durante uns días, na capital de España.
Pero é tamén neste ano de 1958 cando chegan aos bares de A Coruña as “juke box”, máquinas de discos importadas de Estados Unidos que viñan cargadas con cancións de Elvis Presley, Paul Anka, Neil Sedaka, Chubby Checker e compañía. O xerme da revolución da música xuvenil estaba servida e callaría anos despois, pero algúns mozos coruñeses atentos se adiantan. Nace a xuventude como clase social. Mais non todos están sometidos ao Réxime, ao menos internamente.
Glass City, non é unha obra histórica, pero a historia incide nela con especial consideración. Sobre todo sucesos que aconteceron neses días en A Coruña: as inauguracións da Sociedade Hípica, da Fábrica de Armas ou do Supermercado de San Agostiño, a cea de gala no Pazo do Concello, onde, para susto de todas as autoridades, se interpretou o Himno Galego, ou a pesca por parte do Azor e de Franco, dunha balea que case creou un incidente político, pois a prensa non sabía se chamala cachalote ou cetáceo. Son acontecementos, entre outros, que aparecen reflectidos nos fíos argumentais deste espectáculo. Pero, tamén, Glass City súmase aos textos de Eduardo Alonso dedicados a diferentes épocas e cidades galegas. Primeiro foi As damas de Ferrol, despois Imperial: Vigo 1936, e agora Glass City.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol