Cultura destina 245.000 euros ás Feiras do Libro de Galicia deste ano

Nesta liña de apoio institucional, a Consellería de Cultura e Turismo quere recoñecer o valor das actividades dos libreiros como “unha das vías de expresión cultural mellor consolidadas en Galicia”. Segundo Francisco López Rodríguez, “o seu labor xoga una papel decisivo tanto no que se refire á promoción da produción propia dos autores galegos coma ao seu labor para permitir o acceso á lectura dun xeito inmediato en todos os núcleos de poboación, en resposta á dispersión demográfica da nosa comunidade”.
Coa aportación orzamentaria prevista garántese a viabilidade do programa das 13 Feiras do Libro de Galicia aprobadas este ano e contemplará todos os aspectos técnicos e materiais necesarios para a realización dos eventos, desde a montaxe das carpas ata a súa iluminación, sonorización ou aspectos relacionados coa publicidade e a seguridade.
Despois das xa realizadas en Santiago de Compostela, Ferrol e Lugo, o calendario de Feiras que se desenvolverá este ano será o seguinte: Ourense, do 31 de maio ao 7 de xuño; Lalín, do 11 ao 14 de xuño; Vigo, do 10 ao 19 de xullo; Cangas, do 22 ao 26 de xullo; A Coruña, do 1 ao 10 de agosto; Viveiro, do 13 ao 16 de agosto; Santa Comba, do 13 ao 16 de agosto; Foz, do 20 ao 23 de agosto; Monforte de Lemos, do 27 ao 30 de agosto e Ribadeo, do 5 ao 8 de setembro.
Rexistro telemático
Por outra banda, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura anunciou ao sector libreiro a inmediata aprobación polo Consello da Xunta do decreto polo que se creará o Rexistro Adiministrativo de Librarías de Galicia. Será un rexistro público e único con carácter obrigatorio para os efectos administrativos e, asemade, será condición necesaria para que as librarías poidan acceder ás axudas e subvencións que a Consellería de Cultura e Turismo aprobe en materia de cultura.
Co Rexistro Administrativo de Librarías trátase de ordenar e actualizar de forma telemática o rexistro vixente dende 1986, desfasado e pouco operativo. A Consellería facilitará aos interesados o acceso ao contido do rexistro para que funcione como un medio de consulta áxil e eficaz.
Bibliotecas
A Consellería de Cultura e Turismo confirmou asemade que manterá a súa colaboración co sector libreiro na liña xa establecida de adquisición de exemplares a través da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia