Agadic abre seis liñas de axuda para o audiovisual

Todas as modalidades acaban de ser publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG),
agás as de concesión automática, que serán convocadas proximamente. Para estas
axudas automáticas, a AGADIC reserva un orzamento de 600.000 euros, dando así
resposta a unha reiterada demanda do sector. Poderán optar a este apartado
longametraxes cinematográficas (ficción, documental, animación) e telefilmes de
interese cultural galego que teñan sido obxecto de estrea comercial ou venda a
televisións en aberto, por un importe non inferior a 80.000 euros, dende o 1 de
xaneiro de 2008 até o 30 de outubro de 2009.
Até 7.000.000 euros en varias anualidades
No resto das liñas convocadas, para as que se establece xa un orzamento máximo
global de 7.000.000 euros a repartir nas diferentes anualidades até 2012, as
principais novidades refírense ao sistema de xustificación das axudas, así como á
incorporación da capitalización do traballo ou amortizacións de instalacións e bens de
equipo.
A dotación maior corresponde ás subvencións dirixidas a producións ou coproducións
en lingua galega con decidido contido artístico e cultural a cargo de produtoras
independentes (longametraxes cinematográficas de ficción ou animación, óperas primas ou segundas longametraxes, telefilmes, documentais de creación ou de
difusión cultural e longametraxes dixitais), cun orzamento de 1.100.000 euros para
2009.
O apoio económico ao sector complétase este ano coas bolsas para a promoción do
talento audiovisual galego, dirixidas a creadores individuais para a escrita de guións e
a realización de curtametraxes e longametraxes en soporte dixital (400.000 euros);
así como coas axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua
galega –longametraxes de ficción, documentais, telefilmes, formatos innovadores
para televisión, pilotos de series televisivas de animación– (250.000 euros); á
produción de curtametraxes en versión orixinal galega e videoclips (200.000 euros); e
ao desenvolvemento e produción de contidos dixitais interactivos en lingua galega
(150.000 euros).
Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)