O temporal derruba a árbore en memoria de Otero Pedrayo

Cando naceu don Ramón, en marzo de 1888, o seu pai prantou unha árbore no xardín da casa. Sempre se dixo que era unha araucaria. En realidade era un pinsapo, que medrou corpudo e fermoso a carón do fogar, acompañando a vida do neno durante anos. “O meu irmanciño”, gustaba de dicir Otero referíndose a el.
En 1972, unha forte tormenta derrubou a árbore. Otero Pedrayo considerou o feito coma un anuncio do final. “Levábamos toda a vida xuntos”. Ao pouco tempo, en 1976, finaba o señor de Trasalba. Os responsables da Fundación volveron prantar daquela outro pinsapo, practicamente no mesmo lugar onde estivera o anterior. Medrara grande, coma o seu predecesor, á beira da solaina. O vento volveu abatelo estes días, estragando tamén unha parte do emparrado.
“Volveremos poñer outro”, anuncia a directiva da Fundación Otero. Igual de preocupantes son os estragos no tellado, polas consecuencias que poida trer para o mantemento da obra civil. Na casa de Cimadevila consérvanse a meirande parte dos obxectos persoais de Otero, así como a súa biblioteca persoal, que está a ser catalogada. Contra finais de xuño, celébrase alí todos os anos o Premio Trasalba (no derradeiro domingo do mes de San Xoán), homenaxe a unha figura que se teña significado a prol da cultura galega, seguindo o espírito dos homes da xeración Nós.
Paula García Márquez (Comunicación Editorial Galaxia)