O Consorcio Audiovisual de Galicia pretende consolidar en 2009 a empresa SempreCinema

Aposta pola coprodución
Un dos traballos claves do Consorcio Audiovisual de Galicia consiste no apoio ás coproducións cinematográficas desde Galicia. Así, o programa Raíces entra xa na súa 5ª edición consolidando a relación co Instituto de Cine Arxentino e o Goberno andaluz e cunha bagaxe de nove películas participadas nos últimos catro anos. A este feito únese o interese de dous institutos de cine hispanoamericanos e outra comunidade autónoma, que previsiblemente pasarán a integrarse no programa en 2009.
Ademais do Acordo Raíces, o Consorcio Audiovisual de Galicia espera en 2009 a consolidación de dous proxectos pioneiros iniciados no ano que vén de rematar e con resultados importantes no primeiro ano de execución. Trátase ao acordo de coprodución coa Agência Nacional do Cinema de Brasil e a posta en funcionamento da sociedade SempreCinema Produccións S.L, ambos instrumentos salientables, de interese e necesarios como destacou o secretario xeral de Comunicación na reunión.
O acordo con Brasil permitiu comezar a produción de dúas primeiras longametraxes apoiadas polo fondo económico destinado a este fin e, posibilitou ademais, que na segunda quincena do mes de marzo se desenvolva o segundo encontro de coprodución e unha mostra de cine galego na cidade de Salvador de Bahía. O encontro servirá ademais para dar a coñecer a orde de axudas para este ano que se verá incrementada co apoio a unha coprodución documental ademais das dúas longametraxes que xa formaban parte da convocatoria na anterior edición.
SempreCinema
O segundo dos instrumentos en canto a coprodución cinematográfica é SempreCinema que superou con creces todas as expectativas revelándose como un instrumento de interese e necesario. Este traballo a prol da coprodución pretende ser incrementado con alianzas con outros territorios. Neste sentido, avanzouse que existen conversas con organismos públicos de Francia e o Reino Unido, dous dos países de referencia da produción audiovisual en Europa.
Presenza nos acontecementos de interese para o sector
Así mesmo, o Consorcio Audiovisual de Galicia seguirá participando nos acontecementos audiovisuais máis importantes co fin de difundir e promover o interese e o negocio para o produto audiovisual galego. Neste sentido, o organismo que preside Fernando Salgado planea participar nos mercados e festivais de referencia en España e Europa como Clermont Ferrand, Sunny Side of the doc, Mipcom, ou o Festival de Cine de San Sebastián, entre outros.
Entre as accións a desenvolver en 2009 atópanse as misións comerciais directas e inversas con territorios de claro interese estratéxico. Así, renovaranse as misións comerciais xa establecidas con Arxentina, Brasil e Cuba e procurarase o establecemento desta vía de colaboración con México, Inglaterra, Escocia e Francia. Estas accións permiten, dunha banda, dar a coñecer o sector audiovisual galego ao tempo que facilitan o contacto das produtoras galegas con outras de diferentes territorios incrementándose as posibilidades de levar a cabo coproducións internacionais.
Entre as actividades a desenvolver en 2009 atópanse a sexta edición do programa Curtas e a terceira de Docs Galicia, así como os III Encontros Galicia Terra de Cine e o I Encontro de Galicia Escenario de Publicidade.
Así mesmo, renovarase o plan anual de axudas e o programa de formación que constitúen dous apartados de gran relevancia no labor do Consorcio Audiovisual de Galicia. Os programas de coprodución Raíces e Brasil, as axudas a webs de produtos audiovisuais ou as bolsas de estudos son programas que se manteñen e aos que se incorpora un novo plan de apoio á promoción ou as destinadas á publicación de teses de doutoramento de especial interese no eido audiovisual.
Accións formativas
O Consorcio Audiovisual de Galicia pretende continuar coa súa oferta formativa para o que emprenderá arredor de dez accións en colaboración cos principais centros de formación e profesionais, respondendo ás demandas do sector. Nesta liña atópase ademais a creación da bolsa de emprego do sector coa pretensión de fomentar o mercado laboral.
O Consorcio Audiovisual de Galicia consolídase un ano máis como o único organismo público do Estado que leva traballando na formación audiovisual nas aulas os últimos tres anos. Así, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria presentarase o próximo 3 de febreiro unha nova edición do programa Audiovisual nas Aulas que se marca como obxectivo contribuír á necesaria alfabetización audiovisual dos máis novos.
Por último, o Consorcio Audiovisual de Galicia seguirá o seu traballo de relación co sector, de acordos dos convenios cos axentes de interese e as súas publicacións. Ademais, en 2009 pretende celebrar a 4ª edición dos Premios Chano Piñeiro na procura do xusto recoñecemento a todos os de aquí ou de fóra que fixeron ou están a facer de Galicia e o seu audiovisual, unha terra de cine.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia