Margarita Ledo presenta o relatorio Prensa en construción

O 90ª aniversario da Asamblea Nacionalista é o eixo condutor destas xornadas que levan por título, A Galiza das Irmandades: unha perspectiva actual. A través das distintas conferencias programadas para esta convención poñerase de manifesto a vixencia do ideario nacionalista asinado no ano 1918. Con este acto, organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), preténdese dar a coñecer unha etapa histórica de Galicia e a existencia dun fito crucial que supuxo o nacemento do nacionalismo moderno e da historia do noso país.
O manifesto nacionalista asinado en Lugo no ano 1918 é de grande importancia, porque supón un punto de inflexión determinante na historia do galeguismo político. Publicado no seu día como Manifesto ao Pobo Galego e distribuído en forma de folla solta, recolle os acordos da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala. O mencionado pacto foi asinado hai 90 anos, no Hotel Méndez Núñez da cidade de Lugo, e representa a día de hoxe o cerne e o xermolo do Nacionalismo Galego.
Un exposición e unha ruta pola cidade
Unha vez superado o ecuador destas xornadas, cómpre lembrar que as tres últimas conferencias desta convención se celebrarán días 15, 16 e 30 de xaneiro. Deste xeito, Xosé Díaz, Antón Bao e Pilar García Negro, presentarán no Salón de Actos da Deputación de Lugo a súa particular visión da evolución e do papel xogado polo nacionalismo en distintos eidos, a través dos seus relatorios titulados “Réxime Económico”, “A Lingua, o ensino e a cultura” e “Os dereitos civís”, respectivamente.
A maiores, dende o día 30 de xaneiro poderase visitar no Pazo de San Marcos, unha exposición monográfica na que se recollen varios textos e imaxes da I Asamblea Nacionalista. Ao día seguinte, o escritor Lois Diéguez, a iso das 13,00 horas, converterase no guía dunha ruta a pé pola cidade que servirá para coñecer mellor e de primeira man a historia e as xentes das comarcas e da urbe lucense.
Unha ollada ao pasado
Ata o de agora foron obxecto de estudo e debate os sete apartados do manifesto asinado en Lugo no ano 1918 e a relación existente coa realidade actual galega, da man do ex deputado nacionalista Francisco Rodríguez. Pola súa banda, a organización territorial foi a protagonista por excelencia da mesa redonda organizada na segunda quincena do pasado mes de novembro e, na que participaron Maximino Fernández, Pablo López Vidal e Pablo González Mariñas, representantes do PPdG, do PSdG e do BNG respectivamente.
Uns días despois, a comezos do mes de decembro, Xoán C. Garrido falou, no transcurso da súa exposición, dos movementos sociais que se produciron na primeira década do século XX, do rexurdir destas actividades e da toma de conciencia adquirida polas clases populares e polo campesiñado, unha vez asumida a situación política e social que lles tocou vivir.
Tamén nos primeiros días de decembro, Encarna Otero falou importancia de conservar e potenciar todos aqueles elementos arquitectónicos e territoriais que definen e identifican a estética xeográfica de Galicia centraron a antepenúltima das conferencias pronunciadas ata o de agora.
Vítor Otero (xefe de Gabinete da Vicepresidencia 1ª da Deputación Provincial de Lugo)