Os concellos de Teo e Carral reeditan un texto de Álvarez Blázquez
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/xose_alvarez_blazquez.jpg)
O departamento de Cultura, a través da súa concelleira Carme Hermida, apostou por reeditar un texto que lembra un feito histórico como a Batalla e aos homes que foron asasinados en Carral. O texto de Álvarez Blázquez reeditase co permiso da familia e colaboración do concello de Carral e da Real Academia Galega.
Cunha tirada de 3.000 exemplares a publicación mantén a portada e a contraportada orixinal conforme se publicou no ano 34 pola Federación de Mocedades Galeguistas de Pontevedra. O concello de Teo considerou acertado poñer en valor un texto do autor ao que se lle adica este 2008 o día das Letras Galegas que recolle parte da historia do municipio. Deste xeito, como aparece na contraportada do libro “queremos conmemorar con esta publicación o 162 aniversario da Batalla de Cacheiras e dos Fusilamentos de Carral e, asemade, participar na homenaxe que polo Día das Letras Galegas se lle fai a D. Xosé María Álvarez Blázquez”.
A presentación do libro farase o próximo sábado tres de maio na casa do concello a partir das 20,00 horas e contará coa presenza de representantes das institucións implicadas na edición, os concellos de Teo e Carral e a Real Academia Galega.
Departamento de Comunicación do Concello de Teo