Entregados os premios do Certame de Literatura en Lingua Galega 150 Aniversario Facultade de Farmacia
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/usc_premios_farmacia.jpg)
Noelia Martínez, gañadora co poema O peitoril da miña fiestra, e Rosa María Llorente, galardoada polo relato Fraternité, recibiron no acto unha medalla conmemorativa e un total de 600 euros.
Tamén asistiron ao evento os membros do xurado, os profesores de Filoloxía Galega e Portuguesa na USC, Xosé Luis Couceiro, José Carlos Quiroga e Xosé Manuel Salgado. A entrega do premio, patrocinado polo Colexio Oficial de Farmacéuticos de A Coruña, pechou o conxunto de actos cos que se celebrou o 150 aniversario da creación de Facultade de Farmacia na USC.
Noelia Martínez e Rosa María Llorente
Noelia Martínez Pena é licenciada en Filosofía pola Universitat de Barcelona onde se especializou na área de Estética. Cando cursaba secundaria, a premiada gañou en 1997 e 1998 os concursos de poesía e relato do IES Antón Fraguas e o Premio de Poesía Celso Emilio Ferreiro convocado polo IES de Celanova en 1996 e 1997. Autora de dous libros de poemas inéditos, actualmente imparte clases de filosofía nun centro de educación secundaria.
Pola súa banda, Rosa María Llorente Suárez, administrativa natural de Vigo, escribe “dende sempre” aínda que, dende fai pouco, decidiuse “a compartir as historias grazas á participación en varios talleres de creación literaria”. No seu currículo destacan galardóns como o primeiro premio de relato de muller no ‘I Certame Literario Eduardo Chao 2006’, o ‘I Premio de relatos Mulleres progresistas de Vigo 2007’ e a publicación dun libro de relatos titulado O son máis lene, publicado pola editorial Nova Galicia no ano 2007.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)