París e Compostela colaborarán aproveitando as potencialidades do Camiño de Santiago
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/paris_concejala_cultura.jpg)
Logo de manter unha xuntanza de case unha hora de duración, os dous mandatarios salientaron que existen “proxectos culturais moi interesantes que levar adiante entre París e Santiago de Compostela”, posto que hai “puntos comúns de referencia”, ao ser as dúas cidades históricas, pero tamén, en palabras de Anne Hidalgo, “cidades que se apuntan á modernidade e á cultura”. O obxectivo é estreitar os vínculos de colaboración para que “as nosas cidades se coñezan mellor” e para que os parisinos e galegos disfruten dunha cooperación cultural que “poderá ser moi interesante”.
Traballar desde xa para a sinatura dun acordo
Deste xeito, na xuntanza Pérez Touriño e Anne Hidalgo acordaron poñer xa en marcha os traballos para a próxima sinatura dun convenio de colaboración no que tamén participaría o Consorcio de Santiago de Compostela. Así mesmo avanzaron no establecemento de relacións culturais co Museo Arqueolóxico, co Museo de Arte Moderno de París e co organismo municipal encargado de Patrimonio e Cultura.
Emilio Pérez Touriño insistiu no vínculo común do Camiño de Santiago, o primeiro itinerario cultural europeo, e avogou por situar o próximo ano Xacobeo, o 2010, “como punto de referencia para materializar” a cooperación entre as dúas cidades, aproveitando a rede e todo o potencial cultural de París. “Imos traballar para poder materializar esa cooperación que permita crear as maiores sinerxías”, con todo “ese influxo e a potencia que ten o Camiño de Santiago, un vínculo cultural que une culturas e civilizacións, pero tamén como un vínculo de futuro, compartindo os problemas e compartindo os desafíos que nos plantexa a sociedade actual”, aseverou o máximo mandatario galego.
Pola súa banda, a primeira tenente de alcalde lembrou que o concello de París está a impulsar a rehabilitación da Tour de Saint-Jacques, a torre desde a que partían os antigos peregrinos cara a Compostela, e amosouse convencida de que este poderá ser un “sitio simbólico neste proxecto conxunto de reunir Santiago e París a través do Camiño”.
Invitación a visitar Santiago
Durante a reunión, o titular da Xunta tamén aproveitou para invitar ao alcalde de París, Bertrand Delanoë e tamén á propia Anne Hidalgo a visitar Galicia e Compostela, no ano 2010, coincidindo coa celebración do Xacobeo. “Tiven a oportunidade de trasladarlle a invitación a ela e ao alcalde, que estou seguro que aceptará e rogo lla transmita, para visitar Santiago e poder materializar nese ano 2010, coa súa visita e a súa presenza esa cooperación e colaboración que desde agora poñemos en marcha”, insistiu Pérez Touriño.
Por último, o presidente galego agradeceu a hospitalidade, “amabilidade e cordialidade” da vicealcaldesa de París e lembrou as súa orixe española. Así mesmo, salientou que un dos principais motivos da súa visita á capital francesa é o encontro coa colectividade galega, que suma máis de 3.500 persoas en París e que está “axudando a construír o futuro e o presente desta gran cidade”.
Pola súa banda, Anne Hidalgo tamén dixo sentirse agradecida pola visita do presidente de Galicia, un territorio –asegurou- “moi importante de España e moi importante para Europa”. Así mesmo, tamén se referiu a que París acolle un gran número de galegos e resaltou a súa contribución á vida da cidade.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia