A revista Arraianos principia nova etapa coa publicación dun monográfico sobre a vida nas aldeas
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/alvarellos_arraianos_pres.jpg)
Medio cento de colaboradores participan neste novo número, entre antropólogos, xeógrafos, xornalistas, arquitectos, politólogos, escritores, críticos literarios, fotógrafos, biólogos, etc. Atópanse firmas tan destacadas como Pedro de Llano, Agusto Pérez Alberti, Marcial Gondar, Francisco Sineiro, Plácido Lizancos, Xosé Manuel Pereiro, Anxo Angueira ou J.J. Moralejo, entre outros.
Trátase dun monográfico sobre “A vida nas aldeas” e as fondas transformacións –o abandono do rural– que presidiron o último cuarto de século. Extractamos un párrafo do editorial, titulado “Quen anda aí?”:
No tocante ao rural, seguimos entre a ideoloxía da maquinaria pesada e o quilovatio, a barbarie progresista, e a procura romántica do ser nacional embaixo da boina dos paisanos, do Santo Grial no rabo dunha vaca.
Miseira mental e política (ou prepolítica). Populismo, clientelismo, anarco-capitalismo, simple desleixo, delincuencia pura e dura... Non hai trapallada que non atope aquí a súa patria. (Páx. 5).
Malia ter só dous anos de vida, e seis números publicados, a revista Arraianos converteuse xa neste tempo en todo un referente no eido do pensamento e da reflexión colectiva do país. A publicación abandeira o “espírito do movemento arraiano”, que ten o seu cerne nas terras do Val do Limia, e dende esta patria intenta entender o universo todo. O seu director, Aser Álvarez, afirma que con este monográfico “o que quixemos facer é comezar a pensar na vida nas aldeas. Tras a brutal despoboación e deterioro do medio rural experimentados nos últimos anos preguntámonos agora “Quén anda aí”?”.
O número VII de Arraianos fala dos caciques, das aldeas abandonadas, da Raia Seca, das perspectivas da economía rural, e mesmo dos escornabois ou dos lobos. Conta ademais con seccións fixas de crítica literaria (Andel de libros), fotografía (Manuel Sendón, Ramón Godás) e creación (Fernández Naval, Niebro, Olga Novo, Chus Pato, Rábade Paredes, Daniel Salgado, Elvira Riveiro...).
PRESENTACIÓN EN SANTIAGO
Hoxe foi presentada no Club Internacional de Prensa de Galicia, nun acto que contou coa participación do director da publicación, Aser Álvarez, o xeógrafo Agusto Pérez Alberti, o arquitecto Pedro de Llano e do editor, Henrique Alvarellos.
Alvarellos Editora