Faktoría K publica en galego a novela da película La brújula dorada
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/a_aurora_boreal.jpg)
Ademais, a editorial viguesa segue contribuindo á normalización da lingua coa tradución de “O neno do pixama a raias”, o gran éxito literario do irlandés John Boyne, con Daniel Saavedra como tradutor.
“A aurora boreal”, galardoada en 1995 coa Medalla Carnegie á mellor obra xuvenil, é a primeira parte da triloxía titulada ‘A materia escura’. Esta novela fantástica ambientada na época victoriana contén todos os ingredientes para atraer o interese de rapaces e adultos: estranas desaparicións, segredos, misións arriscadas, mundos paralelos e obxectos máxicos. Aborda temas como a rebeldía fronte ás convencións morais da época, a loita do ben contra o mal e o afán por adquirir coñecemento.
A tradución de Fernando Moreiras destaca polo seu esmero na recollida de dialectalismos e pola variedade de rexistros que quedan plasmados ao longo das máis de 300 páxinas desta apaixoante lectura, que comeza cuns versos do poeta e ensaísta inglés John Milton.
Philip Pullman (Norwich, 1946) é un dos autores de máis
éxito dos últimos tempos a nivel internacional. Os títulos
desta saga situáronse no terceiro posto dunha enquisa
realizada pola cadea BBC para coñecer os gustos literarios
dos lectores británicos. Pola súa produción editorial, que
abarca unha ampla variedade de títulos e xéneros traducidos
a varias linguas, foi galardoado en 2005 no memorial Astrid
Lindgren, entre outros premios, como o Guardian, o
Smarties e Elinor Farjeon ou o Whitebread.
FAKTORÍA K abre así unha nova liña editorial dentro da súa
recén estreada colección de narrativa en galego, que
comezou coas obras tituladas “O señor Ibrahim e as flores
do Corán” e “Cuspirei sobre as vosas tumbas”. O deseño da
portada é do artista suizo afincado en Galicia, Marc Taeger,
quen tamén vai compoñer a imaxe gráfica dos próximos
volumes da triloxía, titulados “O coitelo sutil” e “O anteollo
de ámbar”, que sairán publicados durante 2008.
A novela de John Boyne (Dublín, 1971) traduciuse a máis
dunha vintena de idiomas, foi líder de vendas en Irlanda
durante 35 semanas, converteuse nun dos libros de maior
éxito e mellor valorados en España, con máis de 50.000
exemplares vendidos, e vén de facerse dela unha adaptación
cinematográfica.
A obra foi finalista en varios premios literarios e tamén
estivo nominada á Medalla Carnegie. O deseño de portada
tamén lle corresponde a Marc Taeger.
www.faktoriakdelibros.com