Presentado o libro: De provincia a nación, historia do galeguismo político
O Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presidiu na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago a presentación do libro De provincia a nación. Historia do galeguismo político, de Justo Beramendi e editado por Xerais. Quintana asegurou que o repaso histórico que fai o profesor Beramendi nesta obra “coloca ante nós unha historia pragada de éxitos e de fracasos, pero nunca en termos de configuración conceptual o nacionalismo estivo tan ben coma hoxe”. Ademais do autor do libro e o vicepresidente da Xunta, á presentación asistiron o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro; o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado; e o responsable da Fundación Caixa Galicia.Quintana destacou que este libro é unha obra “de rabiosa actualidade” e unha “boa explicación do devir histórico do nacionalismo”. Ao respecto da situación actual, o vicepresidente sinalou que non hai movemento nacionalista que non teña o exercicio do dereito de autodeterminación como base final do seu pensamento, “polo que a labor do nacionalismo galego non poderá rematar ata conseguir o exercicio dese dereito, e aínda así seguirá aí”.
O vicepresidente da Xunta destacou ademais a presenza por primeira vez do nacionalismo galego no Goberno do país, e sinalou que isto ten que servir “para vacinar ao nacionalismo dos males do elitismo e coma un instrumento para abrir portas e derrubar muros, o primeiro instrumento para a consecución da nosa soberanía política”, concluíu Quintana.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia


