Voluntarios axudan aos alumnos de intercambio a integrarse en Galicia
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/programa_acompanamiento.jpg)
Esta iniciativa, que se insire dentro do Voluntariado de Activación Lingüística (VAL) desenvolvido pola Mesa pola Normalización Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Emigración, botou a andar por primeira vez na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde tivo lugar un acto de benvinda institucional a todos os estudantes foráneos, que tiveron a primeira toma de contacto cos voluntarios galegos.
No acto estiveron presentes o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón; o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo de Santiago, Xosé Manuel Iglesias; a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López; Rubén Cela, director xeral de Xuventude e Solidariedade; Lourenzo Fernández Prieto, vicerreitor de Relacións Exteriores da USC; Julio Mirás Amor, subdirector Xeral de Planificación das Políticas de Retorno e da Inmigración, e María Teresa Cancelo, decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
Carlos Callón explicou aos presentes que “Galiza ten unha lingua propia cunha historia que fai que, aínda que ten moitos falantes, moita xente a queira ocultar, de aí a importancia de programas coma o PAE ou o Voluntariado de Activación Lingüística en xeral”. “O futuro do mundo está no diálogo e o intercambio cultural”, asegurou o presidente da Mesa ante o concorrido auditorio.
Pola súa banda, Xosé Manuel Iglesias animou a todos os estudantes chegados de fóra a que vivisen os atractivos da cidade como o medio ambiente ou a arquitectura, e invitounos tamén “a coñecer o noso elemento máis importante, as persoas”.
O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, salientou que “Galiza, un país que tivo que emigrar durante moitos anos, é agora tamén un país de acollida, algo que nos pode axudar a acabar con moitos mitos e preconceptos”. “A pluralidade e a diversidade, lonxe de ser un problema, é unha grandísima vantaxe”, asegurou o director xeral, quen manifestou que “o mellor pasaporte é a nosa historia, a nosa cultura e a nosa lingua, así que vos animo non a que vivades en Galiza senón a que vivades Galiza”.
Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística, explicoulles aos estudantes chegados de fóra que “practicamente o 100 % dos galegos entendemos o noso idioma, que está vivo e queremos que o coñezades para que entendades a nosa maneira de interpretar a vida e o mundo a través desta lingua”. Finalmente o vicerreitor de Relacións Exteriores, Lourenzo Fernández Prieto, recordou as pegadas doutras culturas repartidas por toda Compostela, boa parte delas vencelladas á historia da propia universidade compostelá.
Tempo para o encontro e as visitas culturais
Ao longo desta semana de recepción do PAE, programa que se estenderá durante todo o curso, están previstas numerosas actividades en grupo, nas que se inclúen visitas ao Parlamento de Galiza ou aos principais museos da cidade, así como unha degustación gastronómica ou proxeccións de cinema en galego. Os voluntarios galegos recibirán a formación necesaria para poder asesorar os foráneos, e tamén se lles proporcionarán propostas de lecer para continuar co acompañamento de estudantes ao longo do cuadrimestre.
Os estudantes da USC que desexen ser voluntarios e os foráneos que se interesen por participar no programa deberán cubrir os correspondentes cuestionarios na páxina do VAL (www.valingua.org). Está solicitado un crédito de libre configuración para todos os que participen no PAE.
A Mesa pola Normalización Lingüística