A exposición GaliciaDixital achégase a Santa Comba
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/galicia_dixital_expo.jpg)
A mostra, que organiza a Secretaría Xeral de Comunicación, ten un carácter itinerante e amosa a aplicación das novas tecnoloxías á comunicación. Trátase dunha exposición baseada en producións virtuais e multimedia “de primeira liña” realizadas en Galicia, na que as novas tecnoloxías serven como pretexto para introducir ao visitante nesa nova Galicia que traballa por incorporarse en papel protagonista á sociedade da información e do coñecemento.
Esta exposición, converxencia entre arte e tecnoloxía, ten como obxectivo achegar o audiovisual e os multimedia á cidadanía e servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais realizados por empresas e institucións galegas.
As novas tecnoloxías introducen ó visitante nunha atmosfera especial que nos amosa unha Galicia diferente, unha viaxe de sensacións, imaxes, luces e sons que envolven ó visitante e que lle permiten gozar dunha experiencia nova e divertida.
Visitantes
Máis de 400.000 persoas visitaron esta mostra, con sede permanente no Mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela. Dende hai aproximadamente un ano leva percorrendo os distintos puntos da Comunidade Galega.
A exposición Galiciadixital, de entrada gratuíta, estará en Santa Comba do 11 ao 16 de setembro, con horario de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas. Este municipio súmase así á programación de saídas previstas pola Secretaría Xeral de Comunicación no presente ano 2007.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia