O Marco inaugura o 19 de outubro a mostra Tempo ao Tempo
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/tempo_ao_tempo_marco.jpg)
Partindo do tempo como leit motiv, a exposición percorre varias acepcións do termo, diversas achegas a esa reflexión tan común no pensamento occidental, que disciplinas como a física, a literatura, as matemáticas ou as artes abordaron dende distintas perspectivas. A experiencia do paso do tempo e da súa medición suscitou o interese de artistas e pensadores de todas as épocas, e foi representado mediante visións, imaxes, símbolos e metáforas. Nesta exposición, a diversidade de expresións, rexistros, linguaxes e orixes demostra que a reflexión sobre o tempo arrastra múltiples sentidos e será sempre universal e inseparable da condición humana e da práctica artística. Obras que toman como punto de partida instrumentos e dispositivos de medida ou organización do tempo, da súa dimensión fisica; obras que reflexionan sobre o paso do tempo, sobre a memoria e o esquecemento, sobre a historia e os procesos de acumulación-sedimentación; e obras que alertan sobre a dimensión politica do tempo e o modo en que a sociedade actual se relaciona con el, vivindo nunha especie de urxencia sen fin ou obxectivo definido.
Dende a medición obsesiva do tempo de On Kawara ou a súa plasmación nos calendarios de Ignasi Aballí, o reloxo dixital de Gianni Motti, a sutil visión do tempo conxelado no reloxo de area de Jorge Barbi, ou o gong marcador do tempo de Danielle Puppi, ata a ironía dos obxectos petrificados de Jimmie Durham, pasando polas investigacións científicas de Jorge Peris e Rubén Ramos Balsa, ou a reinterpretación da historia da arte e os seus símbolos en Giulio Paolini, Nedko Solakov ou Sam Taylor-Wood. A fraxilidade da memoria que se evapora na obra de Oscar Muñoz —ao igual que se esvaece o retrato do heroe ecuestre de Matthew Buckingham— a conservación dos recordos en Pedro Mora, o pasado que se revela na peza de Ana Jotta, a nostalxia do futuro de Jonathan Monk e o encontro emocionado entre o pasado e o presente a través da palabra en Lani Maestro. O tempo improdutivo, o tempo morto que retrata Mircea Cantor, e a narrativa fracturada de Igor e Svetlana Kopystiansky; a xeración do movemento en imaxes estáticas en Rosângela Rennó, o caracol que se despraza sobre a area como imaxe psicolóxica do paso do tempo en Euan Macdonald, e a sección temporal e espacial do universo de Tatsuo Miyajima. A relación entre imaxe, son e instalación espacial en Tacita Dean, e a poética das fases da lúa na peza de Nam June Paik. A reflexión teórica sobre o contexto espazo-temporal da obra en Victor Burgin e Douglas Gordon, os indicios como narración na obra de Allen Ruppersberg, ou o retrato a través dos obxectos en Mark Dion. Os viaxeiros do tempo no mundo perdido de Susan Norrie, o rescate de obras mestras e documentos do pasado de Fernando Bryce, as referencias literarias e o humor en João Maria Gusmão e Pedro Paiva e a síntese do tempo detido e a decadencia en William Eggleston. E tamén, o sentido ou a presenza do tempo a través da acción: dende os mecanismos de intercambio de Gustavo Romano, ata a histórica performance Time, de David Lamelas, que presentará en Vigo con ocasión da inauguración da mostra.
Marta Viana e Pilar Souto (MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo)