Vigo acolle a gran festa da Galicia multicultural: IntegrArte
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/integrarte_cartel_07.jpg)
A música, a danza e a arte en xeral son vínculos de unión para os pobos e xuntos constitúen unha linguaxe para se comunicaren as xentes de calquera punto do planeta. Baixo este principio, os próximos 30 de xuño e 1 e 2 de xullo Vigo será o escenario onde asociacións de inmigrantes e artistas residentes en terras galegas de Uruguai, Paraguai, Marrocos, Venezuela, Cuba, Cabo Verde, Senegal, Colombia, Rusia, Bielorrusia, Ucrania, Inglaterra, Escocia, e Arxentina, xunto con artistas galegos, intentarán achegarnos as súas diferentes culturas.
Ademais da celebración de actuacións musicais nunha carpa situada no peirao de transatlánticos da estación marítima e da ubicación de diferentes postos de artesanía, en IntegrArte organizaranse obradoiros de percusión latina e africana, capoeira e tango. E durante todo o día instalaranse mesas con productos típicos de gastronomía aportadas polas asociacións de inmigrantes colaboradoras no proxecto. As mesas estarán decoradas coas bandeiras e iconos característicos da súa cultura e con exemplos do traballo que estas asociacións desenvolven en pos da integración da súa colectividade na vida galega.
Así o explicou en Vigo durante a presentación do programa de IntegrArte, a Conselleira de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, Ánxela Bugallo, quen estivo acompañada polo tenente de alcalde da cidade, Santiago Domínguez, o músico senegalés Samba Diagne e a presidenta da asociación ‘Uruguayos por el Mundo’, Jacqueline Collins. A festa multicultural está patrocinada pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte e conta coa colaboración da Autoridade Portuaria e o Concello de Vigo.
Tres días de música e danza
O encontro comeza o 30 de xuño pola tarde cun pasarrúas que dará paso ao grupo uruguaio de tambores e danza Urumundo, formado por membros da Asociación ‘Uruguayos por el mundo’ e que conta con corenta compoñentes. A continuación, a agrupación Cuba-Son tocará para os espectadores un amplo repertorio de músicas caribeñas. E tralo son cubano, a colombiana Martha Franco ofrecerá o seu espectáculo de danza árabe e xunto co seu grupo estable de música, Gaira, amosará a súa última montaxe `Silha’. Os ritmos africanos das caboverdianas Batuko Tabanka e o son folk de Macfeck de Reino Unido pecharán a primeira xornada.
O tango será o protagonista da mañá do domingo día 1 de xullo, xunto co arxentino Diego Alcántara e a percusión africana, que tomará de novo a rúa pola tarde. IntegrArte tamén dará cabida na tarde dominical á formación de música tradicional uruguaia Son del Barrio, os percusionistas senegaleses Thiossane, a cantautora arxentina de orixes galegas Lorena Lores que presentará o seu espectáculo `Galitango’ e o grupo de rock galego The Ellas, liderado polo actor e agora tamén cantante Luís Tosar.
Na última xornada da festa, o luns 2 de xullo, a banda de percusión Trópico de Grelos, especializada en ritmos afrobrasileiros, abrirá a xornada da mañá cun espectáculo que mestura a batukada coa capoeira. Asemade, este grupo levará a cabo un pasarrúas pola tarde, ao que seguirán o grupo de murga La exiliada, os rusos e ucranianos Nómada e a Banda de Nash, formada por un grupo de uruguaios afincados en Compostela. E para pechar o IntegrArte terá lugar unha festa final con 061 Música Urxente, unha agrupación formada por músicos de Cuba e Galiza.
Asociacións e artesanía
A Asociación de Inmigrantes Paraguayos en Galicia, o Centro Cultural Cubano en Galicia, a Asociación Arxentinos no Exterior ou a Asociación Madres Latinas, formada por nais latinoamericanas preocupadas pola educación e integración dos seus fillos na comunidade galega, son algunhas das once agrupacións que achegarán ó público a súa cultura. Outros participantes que terán cabida en IntegrArte son a agrupación fundada por estudiantes Casa Latinoamericana en Galicia ‘CLAM’, Uruguayos por el Mundo ou a Asociación Marroquí de Pontevedra.
Tamén serán once os artesáns entre galegos e inmigrantes que amosarán as súas creacións arredor do gravado, dos mosaicos, do material de reciclaxe, da decoración sobre porcelana ou pedras naturais, do traballo de metais, da artesanía africana, do coiro, dos bonecos de trapo, do ferro e da técnica do pano. Ademais dos postos de venda que estarán abertos durante os tres días, celebraranse obradoiros de técnicas artesáns a través dos cales os visitantes se poderán achegar ó traballo destes artistas.
Anxela Chillón (Gabinete de Prensa 4 de Comunicación)