Investígase o uso do láser na restauración do patrimonio
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/incite_logo.jpg)
O proxecto do laboratorio está encamiñado a dotar a Galiza dun equipo de láser que o Laboratorio desprazaría ás obras e lugares de interese, mellorando as tecnoloxías que existen actualmente a disposición do tecido empresarial galego. A investigación nesta materia conta xa cunha base consistente na Universidade da Coruña, pois o equipo do CIT que dirixe Armando Yáñez leva algún tempo estudando os seus usos. Como novidade nesta investigación, mentres os estudos anteriores serviron para ver cales son as capacidades do láser en arqueoloxía e en restauración, a investigación actual aproxímase en maior medida ás empresas, para coñecer as súas necesidades particulares, e ao uso do láser en granito.
Deste xeito, un dos elementos máis importantes do proxecto é a investigación que se fará dos usos do láser sobre o granito, un material predominante no patrimonio arquitectónico e artístico de Galiza. A partir de datos e de seleccións de emprazamentos que realiza o grupo de Edafoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, os especialistas estudan a eficacia do láser como ferramenta de recuperación de construcións feitas con granito.
Ademais do traballo con este material, os responsables do estudo están comezando a planificar a actuación sobre obras do Museo de Pontevedra, que está previsto que se acometan o próximo ano. Neste caso, traballarase sobre diferentes materiais e soportes, con intervencións sobre policromías, retablos, etc.
ACTUACIÓNS POUCO AGRESIVAS
Sobre a importancia desta investigación, Armando Yáñez destaca que o láser está a substituír ás técnicas tradicionais de análise elemental en conservación do patrimonio, como son a microscopía electrónica ou os raios X. Tanto na restauración como en arqueoloxía, segundo este experto o láser mellora as tecnoloxías que o preceden porque permite unha actuación pouco agresiva e analítica.
Concretamente, en restauración actúa selectivamente sobre o material, o que permite eliminar unha capa sen alterar a que está debaixo e evitar así posibles danos. Esta mesma capacidade é fundamental para a análise arqueolóxica, xa que permite diferenciar as capas, analizar a súa composición e detallar os materiais ou as pinturas.
Na actualidade, o Laboratorio de Aplicacións do Láser está a traballar con empresas como Palladium, Galicia Proarte, Estudio de Arqueoloxía Ferrol e Adobrica Arqueoloxía, ademais de coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Pontevedra, co Museo de Pontevedra e co Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. O grupo de traballo recolle as suxestións e demandas das empresas e institucións coas que colabora con respecto ás aplicacións do láser para despois analizar no laboratorio a viabilidade desas actuacións en concreto.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia