Van Morrison actúa o 19 de maio en Compostela
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/van_morrison_presentacion.jpg)
O Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela é escenario da única actuación do xenio de Belfast confirmada até o momento en España. Van Morrison, cantante, compositor e músico, saldará así unha débeda cos seus seguidores galegos logo de que no 2003 tivera que cancelar o seu concerto por mor da choiva.
Presentouse en rolda de prensa na Fundación Caixa Galicia a actuación do emblemático artista irlandés. O xerente do Multiusos Fontes do Sar, Santiago López, salientou o valor engadido que ten o evento por se tratar da única data confirmada polo de agora, e apostou por que Santiago se converta, con iniciativas coma esta, “nunha cidade máis dinámica e máis culta”.
Patricia Maceira, en representación da Fundación Caixa Galicia, recalcou que “promover a cultura e o turismo é unha das nosas finalidades, e é importante estar presente en eventos coma este”. Pola súa banda, o concelleiro de festas de Santiago, Baqueiro lembrou a última visita de Morrison no 2003, cando “por motivos meteorolóxicos non se puido gozar do concerto”, e indicou a importancia de “traer ó mítico artista coincidindo coas festas da Ascensión”.
Néstor Rego, concelleiro de cultura do Concello de Santiago, tamén gabou a iniciativa por se tratar dun “elemento de promoción da cidade” e por ser esta unha oportunidade para que “Galiza se sitúe no ámbito da cultura, non só no noso país senón tamén no terreo internacional”.
VAN MORRISON
O artista británico regresa a Santiago despois de publicar o seu disco número 37, Van Morrison At The Movies: The Soundtrack Hits (2007), un compilatorio que recolle a súa aportación musical á industria do cine. Neste último traballo inclúe temas como o clásico interpretado por Them, “Gloria” (que aparece no filme de Francis Ford Coppola Rebeldes), e cancións do talle de “Baby Please Don’t Go” (da banda sonora de Corazón Salvaje, de David Lynch), “Brown Eyed Girl” (inserta na película de Oliver Stone Nacido el 4 de julio), “Wild Night” (en Thelma & Louise), “Caravan” (no filme El último vals), “Moondance” (a xoia musical de Un hombre lobo americano de Londres, de John Landis) ou “Comfortably Numb” (unha versión dun tema de Pink Floyd que asoma na recentemente oscarizada película Infiltrados, de Martin Scorsese).
MES DE ESPECTÁCULOS NO MULTIUSOS
O concerto de Van Morrison do 19 de maio é a pincelada dun cartel de luxo no Multiusos Fontes do Sar. O día 3 actúan La Oreja de Van Gogh, Dover e Coti, nun concerto conxunto organizado en colaboración con La Caixa e Los 40 Principales, e o sábado 12 de maio, a partir das 21:00 horas, os amantes da boa música poden gozar da ópera monumental Aída, obra mestra do compositor Giuseppe Verdi sobre o amor, a paixón e a morte.
Chelo Suárez (responsable de Comunicación do Multiusos Fontes do Sar)