O Proxecto Ouvirmos deseña 15 rutas turísticas de interese musical en Galicia
A Consellería de Innovación e Industria está a promover un proxecto de turismo musical da discográfica Ouvirmos. Este proxecto aposta pola investigación e a recuperación do patrimonio musical para crear un novo modelo de turismo en Galiza. Dado o seu carácter innovador, a iniciativa acadou unha subvención de 48.000 euros do Programa de Ciencias Sociais da Dirección Xeral de I+D+i, contía que abrangue o 50% do seu custe total.O proxecto consiste nun exhaustivo traballo de documentación en quince localidades galegas para establecer rutas turísticas de interese musical. Trátase de Pontevedra, Celanova, Mondoñedo, Betanzos, Tui, Santiago de Compostela, A Coruña, Ribadavia, Ferrol, Monforte de Lemos, Lugo, Vigo, Ourense e o conxunto formado por Muros e Noia. A investigación, que comezou no ano 2006, prolongarase durante catro anos.
O grupo de traballo está formado por historiadores da arte e da música e técnicos de patrimonio. Unha vez sistematizada toda a información recollida de cada localidade, este equipo localiza os puntos de interese e establece un percorrido de aproximadamente unha hora de duración en cada zona. Xosé Manuel Aldea, xerente e fundador de Ouvirmos, explica que as fontes de traballo para deseñar estes itinerarios son os axentes locais que puideron manter vivo o patrimonio durante décadas. “Documentámonos a través de revistas, tanto xerais como locais, pero tamén nos cafés e nos liceos, ou a través de bandas, de agrupacións folclóricas ou mesmo das institucións eclesiásticas”, explica Aldea.
O proxecto materialízase finalmente nun soporte físico, nunha serie de publicacións de “Itinerarios Histórico-Musicais”. Na actualidade xa está rematado o itinerario de Pontevedra, un libro no que se repasa a tradición musical, a historia dos edificios vinculados á música, os máximos expoñentes artísticos da cidade e unha ruta sinalizada. Ademais das fotografías que ilustran o contido, a publicación está acompañada dunha “Guía de escoita”, unha selección de seis pezas recollidas nun disco compacto.
NOVAS FÓRMULAS
Como referente para este proxecto de innovación, Ouvirmos toma a promoción turística da música que se fai en Francia, onde este tipo de turismo xa está moi desenvolvido. Adaptar este modelo a Galiza é, para esta editora, avanzar nunha tipoloxía turística particular, feita a medida e fuxindo da masificación e da sobreexplotación dos recursos. Os promotores desta iniciativa sinalan ademais que as rutas musicais que propoñen poden integrarse dentro doutras que teñen como finalidade coñecer a cultura e a sociedade galegas. Visitas específicas, guías turísticos formados na materia e eventos como concertos especializados destinados a grupos reducidos engadirían valor a estes itinerarios.
A realización deste proxecto é posible grazas ao Programa de Ciencias Sociais da Dirección Xeral de I+D+i, destinado á investigación, o desenvolvemento e a innovación no ámbito das ciencias sociais e culturais. Entre as súas áreas de prioridade está o patrimonio artístico e cultural, e máis concretamente a realización de proxectos como o de Ouvirmos de procura de novas fórmulas para rendibilizar de modo sustentable o patrimonio cultural galego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia


