Convocado o II Premio Manuel María á Dignidade Nacional

No acto de presentación das bases, Néstor Rego, primeiro tenente de alcalde de Santiago, fixo fincapé na forte relación que uniu a Manuel María coa capital galega, onde se vai entregar o premio o 28 de abril deste mesmo ano. Pola súa banda, Xoán Costa, presidente da AS-PG, sinalou que o certame, que se enmarca dentro dunha serie de actividades de recoñecemento que comezaron un ano despois do falecemento de Manuel María, ten como obxectivo manter vivos os ideais polos que loitou na súa vida, e reivindicar o valor social da súa figura.
O papel activo do autor a prol da galeguización do ensino foi louvado por Anxo Louzao, de CIG-Ensino. Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, destacou a importancia da obra literaria destinada ao público infantil e xuvenil do intelectual homenaxeado, que “escribiu para os nenos cando había unha importante carencia deste tipo de materiais cos que poder traballar nas escolas” e salientou o seu labor como “defensor de Galiza e da cultura galega”.
Ao II Premio Manuel María á dignidade nacional, que o ano pasado recibiu Bautista Álvarez, poden optar tanto persoas coma organizacións. Nesta convocatoria, as candidaturas, ademais de por unha terceira persoa, poden ser presentadas polo propio candidato. As organizacións convocantes non forman parte do xurado, senón que este estará conformado por persoas independentes. O premio consistirá nunha peza deseñada por Francisco Xosé Pérez Porto, e tamén se entregará un diploma acreditativo do galardón.
Para obter máis información, pódese acceder á web www.manuelmaria.com, ou dirixirse ao enderezo de correo electrónico manuelmaria@manuelmaria.com.
A Mesa pola Normalización Lingüística