Editorial Galaxia presenta Entre fronteiras
O 12 de abril Editorial Galaxia presenta a nova novela de Xavier Alcalá, Entre fronteiras, o primeiro volume dunha triloxía titulada Evanxélica memoria. O acto terá lugar ás 20.00 horas na Fundación Penzol de Vigo.A nova novela de Xavier Alcalcá forma parte dun proxecto narrativo centrado na historia nunca contada das comunidades evanxélicas en Galicia. Entre fronteiras narra a historia dunha represión. Partindo de feitos reais, a novela de Alcalá achéganos á verdade a través da ficción. As consecuencias de vivir cunhas conviccións relixiosas diferentes e as vicisitudes que o contexto histórico imppón aos evanxélicos en Galicia constitúen a materia prima da triloxía Evanxélica Memoria iniciada coa novela que agora publica a Editorial Galaxia.
Entre fronteiras supón un esforzo narrativo singular. A historia que conta Xavier Alcalá nesta novela comeza durante o reinado de Alfonso XIII e chega á guerra civil. As circunstancias e os personaxes son retratados coa exactitude dun escribán de xulgado e o pulso firme dunha narración que flúe dun xeito imparable. A base documental da novela está tomada directamente das conversas que o autor mantivo con membros da comunidade evanxélica en Galicia, os seus testemuños axudaron a Alcalá a tecer un relato de ficción relativamente verosímil, amais de apaixonante polo que ten de historia vivida.
Xavier Alcalá descobre unha parte ata o de agora pouco coñecida da nosa historia. O autor anunci a continuación desta epopea do noso tempo outras dúas novelas máis, Nas catacumbas e Unha falsa luz. Cada unha das partes da triloxía pódese ler de xeito independiente, xa que abrangue distintos períodos da historia recente: a guerra civil, a posguerra e o franquismo ata a morte do dictador.
Xavier Alcalá (Miguelturra, Cidade Real, 1947) é enxeñeiro de telecomunicacións aamais de colaborador na prensa, actualmente cunha columna en La Voz de Galicia. Instalado en Galicia desde a nenez, iniciou a súa obra literaria con Voltar, seis personaxes e un fado (1972), obra á que ían seguir títulos como A nosa cinza (1980), Fábula (1980), Nos pagos de Huinca Loo (1982), Cárcere verde (1990), Latitude austral (1991), Código morse (1996), e Alén da desventura, novela coa que obtén o Premio Blanco Amor no ano 1998.
Editorial Galaxia


