A Fundación Curros Enríquez presenta as novas actividades a tódolos centros de ensino de Galicia

Destaca como novidade o intento de asentar a reiterpretación fotográfica dun poema de Curros como a principal actividade destinada aos máis novos. Talleres de expresión plástica ou a estancia no albergue da vila son outras das posibilidades que se unen á visita da casa-museo, á realización da ruta currosiana e demáis visitas turísticas. Ser por un día o Curros de Celanova ou o protagonista dun dos seus poemas ven a ser a nosa invitación para facer da obra de Manuel Curros Enríquez algo inesquecible.
Próximamente poderanse consultar tódalas propostas na páxina web da Fundación Curros: www.currosenriquez.com
Comunicación da Fundación Curros Enríquez aos centros de ensino:
A actividade que lle proporemos a continuación é a NOVIDADE que ofrecemos desde a Fundación Curros Enríquez; grazas á combinación de elementos lúdicos con elementos didácticos os alumnos poderán participar nunha experiencia que poderán lembrar sempre: a REITERPRETACIÓN FOTOGRÁFICA do poema “Unha boda en Einibó”, incluído en Aires da miña terra.
Queremos que este curso os nenos sexan protagonistas dun poema de Curros. Esta actividade foi realizada o curso pasado polos alumnos do Colexio Sagrado Corazón de Celanova, cuns resultados moi satisfactorios tanto para os mestres e rapaces que participaron coma para nós. Participaron máis de 100 alumnos e co material fotográfico resultante elaboramos unha exposición que estivo exposta na Casa dos Poetas durante o mes de agosto.
A elección deste poema débese a que polo seu contido presenta unha grande facilidade de posta en escena, flexibilidade en canto ao número de participantes e a posibilidade de escenificalo nun tramo da ruta currosiana, xa que esta pasa precisamente pola aldea de Einibó. Por outra banda, existe a posibilidade de trocar o poema escollido por outro como por exemplo “A Virxe do Cristal”.
Outras NOVIDADES:
- Taller de expresión plástica: Aproveitando a visita dos nenos, invitámolos a que fagan uns debuxos en torno a un tema: o retrato dun dos nosos poetas, a casa que están a visitar, o tema dun poema en concreto... Se o resultado final é interesante pódese organizar unha exposición na que eles sexan os protagonistas.
- O Concello de Celanova ten a disposición dos grupos que queiran 25 prazas no albergue da vila (proximamente serán un total de 50, polo que aconsellamos que se consulte con antelación).
- www.currosenriquez.com É a páxina web da Fundación, na que iremos engadindo as novas e información útil para o estudo dos poetas celanoveses e que vostedes poderán consultar para a súa maior comodidade. Tamén poderán obter máis información da actividade reinterepretación fotográfica nun apartado especial que engadiremos en breve.
E inda poderán escoller entre outras posibilidades que lle ofrecemos e que aparecen resumidas a continuación. Estas actividades foron deseñadas co fin de facer máis atractiva aos rapaces a idea de estudar a Manuel Curros Enríquez e, así mesmo, a outros poetas de Celanova coma Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Desexan ser un magnífico complemento á clase de literatura galega ao mesmo tempo que se percorren un tramo da historia de Galicia.
Actividades a escoller:
- Visita ao castro de Castromao
- Visita á Ponte de Freixo
- Visita a Vilanova dos Infantes
- Visita ao Mosteiro de San Salvador
- Visita á Virxe do Cristal
- Visita á Casa dos Poetas
- Ruta Currosiana (percorrido de 8 km)
- Lectura de poemas
- Clase na Casa dos Poetas
Visita a Castromao (Prehistoria. Mundo Castrexo): A tan só 2 km de Celanova está un dos xacementos arqueolóxicos máis interesantes de Galicia que data entre os séculos VI-V a.C. É un castro ocupado xa dende época prerromana e que logo sufriu unha forte romanización. Trátase polo tanto do xermolo do que agora é Celanova.
Visita á Ponte Freixo (Romanización): Considerada como a terceira ponte histórica de Galicia, esta construción romana atópase a 6 km de Celanova.
Visita a Vilanova dos Infantes (Baixa Idade Media): Vilanova dos Infantes foi a aldea natal da nai de Curros e tamén o é de Xosé Luís Méndez Ferrín. É un pequeno burgo medieval no que destaca, por unha parte, a torre do antigo castelo (hoxe Centro Comarcal, e na que se pode facer unha visita guiada de balde). Nela exponse unha mostra das profesións da zona, faise unha explicación da oferta turística da comarca e pódese contemplar unha fermosa vista da aldea. Dende ela tamén se pode divisar a bodega de San Vivián, futuro Museo dos Zapateiros, que agocha unha misteriosa orixe que alí se lles explicará aos alumnos.
Visita ao Mosteiro de San Salvador (Alta Idade Media. Idade Moderna. O barroco. A desamortización): Durante a época en que viviu Curros, Celanova estivo marcada polas consecuencias que derivaron do abandono do mosteiro debido á desamortización. Foi o eixe cultural da vila, influíu en todos os habitantes da zona e Curros dedicoulle un artigo en La Ilustración Cantábrica en 1882. Trátase dun fermoso mosteiro do século XVIII que agocha nas súas traseiras a única capela mozárabe de Galicia. A visita guiada dura 1 hora
Visita á Virxe do Cristal (Tradición mariana): Sen dúbida a lenda da Virxe do Cristal persiste na memoria dos galegos grazas ao poema de Curros. Trátase dunha pequena imaxe envolta polo misterio de como a figura da virxe se introduciu no cristal. A súa visita pretende ser un estímulo para a lectura previa deste poema. Ao estar gardada en Vilanova dos Infantes pódese compaxinar esta visita coa do Centro Comarcal.
Visita á Casa dos Poetas (Idade Contemporánea. Rexurdimento da literatura galega): Aquí os rapaces poderán ver onde naceu Curros, coñecer a historia da casa e introducirse na vida e obra do poeta. A duración é de 1 hora na que se lles fará unha visita guiada e poderán ver algún documental coma a gravación na que Celso Emilio Ferreiro presenta Celanova. A visita guiada é de balde.
Ruta Currosiana: A ruta orixinal é de 8,1 km, comeza e remata en Celanova pasando por Penalta, Einibó e Vilanova dos Infantes, sen embargo pódese escoller algún tramo para facer a pé e o resto ir en autobús. É unha ruta de pouca dificultade e que pretende dar a coñecer as paisaxes, lugares e elementos singulares do entorno da vila de Celanova relacionados coa obra poética de Curros. (Existe a posibilidade de facela guiada, inda que as datas son limitadas e teñen preferencia os que primeiro reserven).

Clase na Casa dos Poetas: Na casa hai dispoñible unha sala na que se podería dar unha clase normal con capacidade para 30 alumnos aproximadamente. Esta sería unha boa substituta á aula na que pasan a maior parte do curso escolar.
Agardo sinceramente que as propostas sexan do seu agrado e reitero a miña invitación para coñecer Celanova e a Casa dos Poetas. Por favor pídolle que remita esta información aos profesores interesados neste tipo de actividades, aos que convidamos a facernos as súas propias propostas de actividades.
A Fundación Curros Enríquez queda á súa disposición para a consulta e envío de calquera información adicional ou para planear ese día no que os alumnos serán por un día o Curros de Celanova.
Antonio Mouriño (presidente da Fundación Curros Enríquez)