O Museo Pedagóxico de Galicia acolle o 17 e 18 de novembro unhas xornadas sobre cultura, educación e República
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/mupega_aula_antigua.jpg)
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, é a encargada de inaugurar o día 17 as xornadas, xunto con Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega, e Milagros Blanco Pardo, vicepresidenta do Consello Escolar de Galicia.
As xornadas combinan mesas redondas con conferencias, nas que participan diversos historiadores da educación e especialistas na materia, procedentes de distintas universidades españolas. Algúns dos temas tratados son a cultura e a educación republicanas, o republicanismo en Galicia ou as ideas pedagóxicas e prácticas educativas da época. Así mesmo, Ramón Villares dá unha conferencia sobre o Seminario de Estudos Galegos, que será presentada por Isaac Díaz Pardo, pintor, escritor e creador da cerámica Sargadelos.
As conferencias e mesas redondas acompáñanse da exposición II República Española, 75 aniversario (1931-2006), organizada polo Ateneo Republicano de Galicia (ARGA). A mostra permanece aberta ao público no MUPEGA do 16 ao 30 de novembro.
75 aniversario
As xornadas Cultura, Educación e República enmárcanse dentro das actividades de conmemoración que este ano se veñen celebrando en lembranza da II República, que cumpre 75 anos. Os obxectivos da actividade son os de profundar no coñecemento do desenvolvemento educativo e cultural realizado no tempo da II República española; así como ofrecer un espazo de reflexión, análise e debate ao redor dos logros realizados nestes eidos en España, e singularmente en Galicia.
Por outra banda, as xornadas tentan espertar actitudes de identificación e de respecto cara aos valores democráticos que se puxeron en práctica na educación e na cultura nese período; e promover a inclusión destes coñecementos e valores nos actuais currículos escolares.
Destinatarios
A asistencia ás xornadas está aberta a todo tipo de público, pero diríxense especialmente ao profesorado de todos os niveis educativos, así como a todos os sectores representados no Consello Escolar de Galicia, e ás asociacións ou entidades sociais interesadas no tema.
As inscricións poden achegarse ata o 31 de outubro (inclusive) ao seguinte enderezo postal: Consello Escolar de Galicia, Rúa de San Roque, nº2, 15704, Santiago de Compostela. Ademais, poden enviarse ao enderezo electrónico conselloescolar@edu.xunta.es, ou formalizarse a través do portal educativo. A admisión de solicitudes realizarase por rigorosa orde de recepción. O aforo máximo é de 112 persoas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia