Editorial Galaxia presenta o Premio Blanco Amor de Novela 2006: Spam, de Francisco Castro

Fiel a este principio, o autor asegura que Spam -nome que recibe o correo lixo- é un libro que dispara os seus dardos máis mortíferos contra a vida empresarial e, máis concretamente, contra os departamentos de recursos humanos, que el considera "unha nova forma de escravitude", xa que desenvolven "técnicas habilmente deseñadas para explotar mellor ao ser humano".
Partindo na novela dos parámetros do mundo virtual, Francisco Castro pretende indagar na soidade da sociedade contemporánea. "Está protagonizada", conta o escritor, "polo director dunha empresa. Teoricamente é un triunfador pero, no fondo, é profundamente solitario. O seu único pracer é estragar a vida dos servos da empresa e a súa única relación co mundo sucede a través da rede, cunha webcam e o correo electrónico". Aparentemente, este directivo sádico e frustrado é o protagonista absoluto dunha novela "concibida desde unha atmosfera claustrofóbica, con tres únicos espazos: a empresa, o ordenador que el ten na súa casa e o mundo virtual da mentira electrónica que é internet".
O xurado do Premio Blanco Amor, resolto o 27 de maio de 2006 en Neda, concello que se encarga este ano da organización, resaltou de Spam o feito de ser "un libro innovador, que rompe moldes e incorpora aspectos orixinais nunha narrativa, a nosa, cambiante e florecente".
Tamén indicaron que se trata dunha novela "funcional e insólita, épica e distanciada con altas doses de humor e un ton irreverente e irónico". Ao certame presentáronse 26 obras, das que 6 quedaron finalistas. O xurado estaba composto por Laura Caveiro, Medos Romero, Ramón Nicolás, Armando Requeixo e Vicente Araguas. O Premio Blanco Amor de Novela Longa en lingua galega é convocado por 52 municipios das catro provincias de Galicia e cada ano un dos concellos encárgase de organizalo.
Francisco Castro (Vigo, 1966) é un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes. Traballa desde hai anos como cronista cultural en varios medios galegos. É autor do libro de relatos eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas.
En 2006 gaña o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam que agora publica Editorial Galaxia.
Editorial Galaxia