A Noite do Trasno recupera a La Kinky Beat, Quempallou e Soak no V Aniversario
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/noite_do_trasno_presentacio.jpg)
Acampada fóra da área protexida
Os organizadores lembran que unha das novidades que incorpora este ano o Festival é que a área de acampada gratuíta se habilitará fóra da Rede Natura 2000, pero a tan só uns minutos a pé da zona de concertos. Mozas e Mozos agarda contar coa colaboración dos campistas para que non monten as tendas no espazo protexido, non só porque axudarán a coidar a natureza e a que A Noite do Trasno poida seguir celebrándose en Cabo Udra, senón tamén porque, do contrario, os particulares enfrontaranse a fortes multas que poden acadar os 6.000 euros.
A nova zona de acampada ubícase na baixada ó Cabo, e estará convintemente sinalizada. Ten dobre acceso, dende o camiño de Udra e incluso dende a Recta do Pión, onde os campistas poderán deixar os seus coches. Estará aberta dende o mesmo venres día 11 de agosto a primeira hora da mañá e permanecerá habilitada ata o domingo 13, no que a zona terá que quedar desocupada e limpa. A organización agradece a colaboración prestada polos veciños do lugar, que cederon desinteresadamente os seus terreos para poderen ser utilizados neses días.
Os Trasnos do Morrazo
As actividades arrincarán en Cabo Udra o venres 11 de agosto con xogos na praia para nenos, a partir das 19.00 horas, para continuar ás 21 horas co balile tradicional dos Trasnos do Morrazo. A parella formada por María e Xián ven de acadar un rotundo éxito no concurso de bailadores organizado polo programa Luar da Televisión de Galicia.
Vellos coñecidos e novidades
Os concertos da noite iniciaranse coa banda local J!T a partir das 22.30 horas. Este grupo do Morrazo propón un estilo achegado ó rock máis clásico, cunha coidada composición e sarcásticas letras cantadas en castelán. O folk tomaralle o relevo da man dos vigueses Travelers.
A Noite do Trasno continúa co plato forte da xornada, La Kinky Beat. A multicultural banda xestada en Barcelona volve ó Festival para celebrar o V Aniversario do evento do que tanto teñen disfrutado nas súas anteriores actuacións.
O ska vigués de Kógito pecha a primeira tanda de concertos antes da sesión Sound System.
A programación segue o sábado 12 de agosto con variados obradoiros e actividades para todos os públicos que se desenvolverán desde as 19.30 horas.
Xa pola noite, súmanse á celebración do V Aniversario dúas bandas que precisamente no 2001 actuaran na primeira edición de A Noite do Trasno e que sempre amosaron o seu apoio á continuidade do Festival. Quempallou abrirá a caixa das sorpresas antes da actuación de Soak & Convidados. O grupo punk do Morrazo recabou a colaboración dalgúns dos músicos máis senlleiros da zona para ofrecer un Concerto Especial V Aniversario que marcará sen dúbida a xornada.
A variedade de músicas non se detén e o rock-ska de Salida Nula fará vibrar ó público de A Noite do Trasno, antes de pechar os concertos co estilo mestizo dos galegos Banda Potemkin, formada por antigos compoñentes de grupos senlleiros da Galiza coma Os Papaqueixos. O Festival rematará cunha nova sesión Sound System.
Semana Cultural para promocionar o medio
Como cada ano, a Asociación Mozas e Mozos de Beluso preparou unha Semana Cultural previa ós dous días de Festival. A intensa axenda de actividades, que comezará o luns día 7 de agosto, terá como temática central a promoción do medio ambiente.
Do luns ó xoves, as praias de Beluso acollerán a partir das 19.00 horas actividades para os máis cativos: obradoiros, maxia, xogos… Ás 21.00 horas terán lugar as actividades para todos os públicos, que irán dende mesas redondas sobre ecoloxía e charlas sobre desenvolvemento sostible ata danza e proxeccións.
Agradecementos e colaboración
Mozas e Mozos agradece o apoio prestado polo Concello, organizacións de todo tipo, establecementos e veciños a título individual para que o Festival A Noite do Trasno sexa realidade un verán máis no espazo natural de Cabo Udra. A Asociación agarda que esa colaboración se reforce coa compra de material e o consumo na barra, que contará con prezos populares. O colectivo convida ós interesados en participar na organización a pórse en contacto con Mozas e Mozos no teléfono 696 874 392 ou no enderezo asociación@mozasemozos.org.
Toda a información sobre o Festival deste ano e as edicións anteriores estará axiña dispoñible nas webs www.anoitedotrasno.org e www.mozasemozos.org.
Asociación Mozas e Mozos do Beluso