O Festiclown 2006 volve a convertir Compostela na capital da peregrinaclown
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/festiclown_2006_logo.jpg)
Como ven sendo habitual, o Festiclown Compostela convertirase nun escenario único para espandir a formación teatral, a dinamización social e o espíritu solidario e comprometido a través das súas seccións e espazos artísticos, cunha nova aposta decidida pola calidade e o prestixio internacionais en clave de clown e de humor.
A sección formativa do Festival, Formaclown, oferta 10 cursos e máis de 250 prazas. Contará con mestres internacionais xa habituais do festival, coma o irreverente pallaso americano Jango Edwards, que imapartirá un curso de clown xunto ao seu estreito colaborador Peter Ercolano. Outro dos padriños do Festival, o comprometido e á vez polémico bufón Leo Bassi, voltará ao Festiclown por segundo ano consecutivo co seu curso “En Busca da túa Identidade Cómica”. Outros o visitan por primeira vez, como o italiano Carlo Boso, un dos máis prestixiosos directores de teatro europeos. Xunto con Blanca del Barrio (asistente de Marcel Marceau), encabezan o listado dos grandes mestres e artistas dos cursos de Formaclown 2006. Loco Brusca, Jesús Jara, Pablo Pudnik, Sergio Claramunt, o galego Pablo Trasno e Ángel Sánchez, completan o listado dos recoñecidos nomes que participan na maior escola de formación clown en Europa.
O prato forte do programa da Mostra Internacional, será a actuación do popular dúo cómico español Faemino y Cansado. O Festiclown vestirase de gala polas noites do festival para recibir, dentro desta sección, a algúns dos artistas de maior prestixio e recoñecemento internacional dentro do universo do clown, o humor e o teatro cómico. O destacado actor e cómico Pepe Viyuela, sobradamente coñecido polas súas aparicións televisivas, o transgresor clown e malabarista americano Dirty Fred ou a poética dos mallorquíns Res de Res, serán outros dos grandes atractivos do programa.
Como gran novidade desta edición, o Festiclown acollerá un Encontro de Malabaristas, con talleres de malabares e circo, espectáculos de rúa, Olimpiada malabar e unha gala de artistas de Circo con algúns dos nomes máis sobresaíntes do estado: Javi Javichi, Manolo Carambolas, Capitán Maravilla e os Hermanos Inconfindibles.
Un bo número de compañías galegas, do estado e do resto do mundo presentarán os seus espectáculos nalgunha das Clownvocatorias Artísticas que ata o momento están rexistrando unha resposta moi exitosa tanto pola cantidade e calidade dos artistas que solicitan participar, como pola variedade das súas propostas. Un ano máis o Festiclown convírtese nunha plataforma única para o lanzamento de grupos e compañías con grande potencial artístico.
O Festiclown 2006 reforzará un dos aspectos característicos do Festival: o seu espíritu comprometido socialmente, ampliando a programación do apartado social con exposicións fotográficas, videoinstalación-clown permanente e charlas.
A recadación da venta de entradas para a Mostra Internacional, excepto para o espectáculo de Faemino y Cansado, irá destinado a un Fondoclown Solidario, a través do cal, como non podía ser doutra forma, o Festiclown Compostela 2006 tamén achegará a risa a outros lugares e pobos do mundo. A entidade de cooperación internacional a través da risa Pallasos en Rebeldía, creada en torno ao Festiclown e a súa compañía oficial, Os 7 Magníficos + 1, será a encargada de dar continuidade ao proxecto social posto en marcha polo Festiclown, de creación de unha Escola de Formación de Pallasos nas comunidades indíxenas zapatistas de Chiapas (México), cos obxectivos de promocionar o teatro como instrumento de expresión da cultura dos pobos indíxenas e qe se convirta nun apoio permanente para avanzar na construcción da súa autonomía e mellorar as súas condicións de vida.
Durante unha semana o Festiclown Compostela 2006 ofrecerá máis de cen pases de espectáculos polas rúas, prazas e teatros da capital de Galicia, convertíndoa nun referente mundial da risa, a improvisación e a solidariedade.
Estíbaliz Táboas (Festiclown 2006)