A Concellería de Xuventude de Cangas edita 1.000 copias do disco Directo Xove 06

José Luis Gestido destacou na presentación o “aumento de participación” que rexistrou esta terceira edición do Directo Xove, con novos grupos e gran asistencia de público ós concertos dos venres. O Concelleiro de Xuventude salientou ademáis a “alta calidade musical” das bandas, con niveis cada vez máis elevados, e “a implicación e colaboración” que se xestou entre os distintos grupos e coa organización. Gestido indicou que eses aspectos son precisamente os que pretende impulsar o Directo Xove, servindo tamén como proxección para as bandas noveis. Coa edición do cd e co Festival que se celebrará venres e sábado no aparcamento de Rodeira péchase o programa de dinamización cultural, que se retomará o vindeiro ano.
O alcalde de Cangas incidiu en que o Directo Xove “é unha iniciativa pioneira” e recalcou que “cando se repite durante tres anos consecutivos é porque se trata dun proxecto consolidado”. Non obstante, Sotelo apostó por “seguir traballando para mellorar e corrixir os posibles defectos” en vindeiras edicións.
Por último, Salvador García Cal, de Radio Vigo, deulles a “noraboa” a participantes e organizadores pola iniciativa e animou ó Concello a continuar con este tipo de proxectos “tan necesarios”. As bandas que mañá e pasado tocarán no Festival Directo Xove intervirán o sábado no programa El Maketón Estrella Galicia, que 40 Principales emitirá en directo dende Rodeira.
Cancións de variados estilos

O cd ‘Directo Xove 06’ non se vende, senón que se repartirá de xeito gratuíto a través dos grupos e estará tamén dispoñible na Casa da Xuventude de Cangas. A Concellería remitirallo ademais a diferentes produtoras do Estado para promocionar as bandas locais.
Concello de Cangas