A piques de rematar o prazo para presentar propostas ao proxecto didáctico Antonio Fraguas
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/museo_do_pobo_galego.jpg)
O premio pretende alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento do medio e á posta en valor dos máis diversos elementos do noso acervo cultural.
A presente convocatoria invita ás comunidades escolares a participaren neste proxecto que ten dúas modalidades:ensino primario e ensino secundario. En cada unha delas elixirase un proxecto, a desenvolver durante o seguinte ano lectivo e cun premio de 10.000 euros para cada modalidade.O traballo iniciarase co curso académico e deberá estar finalizado e presentado para a fin do curso 2006-2007. No outono organizarase unha exposición cos seus resultados, quer no Museo do Pobo Galego, quer nunha institución axeitada dunha cidade ou vila de Galicia, a determinar pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas
O ámbito temático abranguerá un ou varios dos seguintes campos: etnografía, antropoloxía, xeografía, historia e arte. Os traballos estarán coordinados polo Departamento de Educación e Acción Cultural do Museo do Pobo Galego. Para optar ao premio presentarase unha memoria descritiva do proxecto que se pretende realizar, facendo constar a súa natureza, ámbito, temporización, orzamento e con expresión do colectivo implicado na súa realización. As candidaturas deberanse remitir á Secretaría da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, San Domingos de Bonaval, 15703 Santiago de Compostela, ata o 31 de maio de 2006. O Xurado emitirá o seu fallo antes do 30 de xuño.
Nas anteriores edicións do Proxecto Didáctico Antonio fraguas as propostas seleccionadas foron as seguintes: O Mar, presentado polo Colexio Público de Ensino Primario de Xuño, Porto do Son, e na modalidade de ensino secundario ao proxecto Obradoiro “Antonio Fraguas” de cultura popular, historia local e medio ambiente, presentado polo Colexio Público integrado “Alfonso VII” de Caldas de Reis. Na 2º convocatoria, Os Hórreos do Concello de Ribeira de Piquín, presentado polo CEIP Aníbal Otero de Ribeira de Piquín. Na segunda modalidade resultou elixido o proxecto Muíños de Agua no Concello de Foz, presentado polo IES de Foz. O terceiro ano os premiados foron A toponimia do Val Miñor, presentada polo CEP A Cruz de Camos, e o proxecto intercentros do Condado, O patrimonio das pesqueiras do Miño, presentado polo IES Pedra da Auga de Ponteareas e mais polo IES Pazo da Mercé de As Neves.
Museo do Pobo Galego