O presidente da Xunta visita a Fundación Camilo José Cela

No transcurso do percorrido, que se iniciou na casa-museo do escritor padronés, Pérez Touriño tivo ocasión de coñecer de primeira man a Cámara de Manuscritos do escritor, así como a Sala do Rei e o propio despacho de Camilo José Cela. Posteriormente trasladouse á sede da Fundación, na que visitou a Sala de Exposicións Temporais, o Paraninfo, a Hemeroteca e o Epistolario, ademais doutras dependencias, entre as que figura a Aula de Poesía José García Nieto.
Tras asinar no libro de honra da entidade, o presidente galego mantivo unha entrevista coa presidenta da Fundación.
Fondos da Fundación
A Fundación Camilo José Cela foi creada no ano 1986 polo propio Cela co obxectivo de manter unidos os fondos literarios, documentais e artísticos da súa propiedade. Estes fondos constitúen unha colección persoal de valor moi considerable: a pinacoteca está integrada por 529 obras orixinais, 322 gravados, 98 láminas e 518 carteis, e entre os artistas representados figuran Joan Miró, Pablo Picasso, Rafael Alberti, Federico García Lorca, Josep Guinovart, Benjamín Palencia, Eduardo Úrculo, Ricardo Baroja, Tàpies, Viola, Laxeiro, Lugrís e o propio escritor.

Foi vontade expresa de Camilo José Cela que a súa Fundación se emprazase en Galicia, na súa parroquia natal de Iria Flavia, rexeitando as ofertas que se lle fixeron dende outros lugares como Palma de Mallorca ou algunha importantísima universidade norteamericana. A Fundación ocupa cinco dos oito edificios das chamadas “Casas dos Coengos”, no lugar de Iria Flavia (Padrón).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia