Presentado o libro Recendos de luz e de sombra -seis ducias de poemas (máis un)-, de Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

No acto de presentación interviron, entre outros, Xosé Luis Rivas Cruz Mini, compañeiro do autor no grupo A Quenlla que fixo unha semblanza do Mero poeta e amigo; o escritor e poeta David Otero, e Alfonso Blanco Torrado, da Fundación Manuel María, impulsora desta iniciativa literaria. Introducido polo xornalista Xulio Xiz, no acto deuse lectura a unha serie de poemas como "Mai" ou "Patria", que foron aplaudidos polo público asistente entre o que se atopaba o escritor Antón Vilar Ponte.
Recendos de luz e de sombra -seis ducias de poemas (máis un), con fotografías de Carlos Rodríguez Arias, estrutura a compilación de poemas en torno a cinco grandes bloques iniciados polas composicións "Eu", "Nós", "Sentimento, razón da miña vida", "Terra" e "Patria" condensan e dan sentido público ao propio, o seu, a orixe e "a casa que nunca tivemos".

Sentimentos do autor cara os seus amigos -algúns deles do mundo das letras como Fiz Vergara Vilariño, Manuel María...-, a súa familia -en especial ás lembranzas á nai-, a Terra chá e Galicia impregnan os poemas de Mero que xa ten recoñecido o seu bo facer literario a través de diversos galardóns recibidos.
R.