A TVG cederá as dobraxes de Shin Chan e Víbora negra tras as xestións da Mesa pola Normalización Lingüística
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/shin_chan.jpg)
Igual que A Mesa, tamén o colectivo Ciberirmandades da Fala realizou nas dúas últimas semanas unha campaña de protesto desde internet perante o primeiro anuncio de que non se cedería a dobraxe da serie A víbora negra. Para Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, “todo o movemento cidadán en defensa do noso idioma está de parabéns, por demostrar máis unha vez que a reclamación e a mobilización teñen resultados positivos”.
A víbora negra:problemas técnicos pola tardanza da dobraxe
A Mesa continúa coas xestións coa distribuidora Cameo para tentar garantir que A víbora negra poida saír en galego o día 5 de abril (data anunciada da súa posta á venda en todo o Estado). Desde a distribuidora observan que a tardanza en conseguir a dobraxe lles vai supor un gasto adicional importante e unha modificación do seu calendario de traballo para lograr que o DVD estea na data sinalada ou outra próxima. Porén, continúan a estudar a viabilidade desta introdución, conscientes de que a recepción deste produto audiovisual será moitísimo mellor en Galiza se conta coa opción na nosa lingua. Cameo si garante que todas as futuras series en DVD que poñan mercado das cales se lles ceda a dobraxe, terán opción en galego, como é o caso de Alló, alló!
Shin Chan: O pequeno galopín regresará ao galego
As Mocidades da Mesa, que comezaron coas xestións para que Shin Chan se puidese ver en galego en Cartoon Networks, festexan que se abran as portas a esta posibilidade grazas á TVG e continuarán xestionando para esa opción no mando do televisor sexa unha realidade canto antes. O Presidente de Luk Internacional (a distribuidora desta serie de debuxos animados) mostrouse tamén moi receptivo a esta solicitude.
Igualmente, as Mocidades da Mesa queren conseguir que tamén en Antena 3 haxa a opción dual de poder ver as aventuras de Shinoshuke Noara na lingua pola que se coñece en Galiza e coa que tivo importantes éxitos de audiencia, cunha dobraxe lingüisticamente moi coidada.
A Mesa pola Normalización Lingüística