Pepe Vaamonde Grupo (PVG) actúa en Bar Liceum (O Porriño)

Pepe Vaamonde Grupo (PVG) é, ante todo, unha formación folc pensada para o directo. A calidade como instrumentistas de cada un dos seus compoñentes, xunto coa forza emocional das súas composicións, forma un cóctel que os convirte nunha das bandas de folc en directo, máis interesantes do momento. Pero ademais, Pepe Vaamonde Grupo é tamén quen de realizar un traballo de estudo de gran calidade, como así o demostra o terceiro premio acadado, co seu primeiro traballo discográfico (Aviouga), no certame ao mellor disco folc do ano 2002 realizado polo xornal A Opinión.
Na actualidade, o Pepe Vaamonde Grupo está inmerso nos concertos promocionais do seu segundo traballo discográfico (Onde nace o vento), que chegou ás tendas durante este nadal. Para a gravación deste disco, o Pepe Vaamonde Grupo contou coa participación de importantes figuras do panorama folc internacional como o percusionista John Joe Kelly e o gaiteiro irlandés John McSherry. Entre as novidades deste segundo traballo discográfico da banda atopamos as voces de María Vidal e Xurxo Fernández en dúas pezas do album, así como o violino de Xavier Cedrón e o saxofón de Roberto Somoza.
No tocante ás novidades do quinteto hai que destacar que, durante este verán, a banda compartiu cartel, en diversos festivais e concertos, con algunhas das figuras máis destacadas do panorama folc galego como Susana Seivane ou Mercedes Peón. Mención aparte merece a actuación do grupo no Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña) deste ano, no que compartiu escenario co gaiteiro galego Carlos Núñez.
ONDE NACE O VENTO
O novo traballo discográfico de Pepe Vaamonde Grupo (Onde nace o vento) está composto por once temas nos que, ao igual que no primeiro álbum do conxunto, mistúranse os sons máis tradicionais da música galega coas correntes máis vangardistas do folc europeo.
Se o primeiro disco da formación estaba adicado a auga, este segundo traballo ten como elemento vertebrador ao vento, a Eolo. Do convivio entre os cinco compoñentes do grupo e Eolo abrollou este disco, vindo desde o fermoso Val de Aviouga. As pezas que enforman este traballo están inspiradas na forza do vento galaico, mais tamén, embora en menor medida, en Éire e nas Illas Hébridas; desta forma, os membros de Pepe Vaamonde Grupo, sabiamente acompañados polo deus Eolo, interpretan as partituras que lles deixou escritas unha pomba no niño novo do vento. E fano coa forza que os caracteriza nos directos, coa frescura que emana dos seus instrumentos, a saberen que a deidade tracia escolleu para vivir onde o mundo adopta o nome de Galiza, o país onde nace o vento.
Todo isto está presente no novo traballo discográfico de Pepe Vaamonde Grupo. O vento escúrrese entre as guitarras de Pipo e os baixos de Xesús, dá corpo ás percusións de Andrés e fai soar as gaitas e frautas de Pepe e o acordeón de Nacho.
COMPOÑENTES
PEPE: Pepe Vaamonde naceu en Visantoña (A Coruña) no ano 1971 e, ademais de responsable das gaitas e frautas que soan nos temas da formación, é o autor da maior parte das súas composicións. Como gaiteiro foi, durante a década dos 90, o máis galardoado en concursos e certames de gaita de toda Galiza. Os éxitos de Pepe en solitario tornáronse, coa creación de PVG, en éxitos de conxunto e a xa ampla capacidade creativa deste artista galego veuse incrementada, de xeito importante, co bo facer musical do resto de compoñentes do conxunto.
NACHO: Nado en Noia no 1974, Nacho iniciouse moi novo no aprendizaxe da música e do acordeón. Vencellado desde sempre ao folclore galego e á súa cultura, a súa inquedanza lévao a traballar como músico de estudo e directo con artistas de diversas correntes.
PIPO: Pipo Alvariño é, ante todo, un artista de ampla formación musical que inclúe, ademais do dominio de instrumentos como a guitarra ou a mandolina, os estudios medios de piano e a licenciatura en Musicoloxía pola Universidade de Oviedo. Como intérprete formou parte, antes de iniciar a súa andaina en Pepe Vaamonde Grupo, de importantes bandas de folc e rock e, actualmente, centra o seu traballo como productor, arranxista, músico de estudo e compositor para curtametraxes.
XESÚS: O benxamín do Grupo forma parte dunha familia historicamente vencellada á música galega e, máis especialmente, ao baile tradicional da nosa terra. Considerado como un dos mellores bailadores tradicionais de Galiza, o seu traballo como baixista no conxunto descúbrenos a un músico versátil que recibíu clases dalgúns dos máis destacados músicos de rock e jazz galegos.
ANDRÉS: Andrés Vilán naceu en Arcade (Pontevedra) no ano 1978 e, con tan só dez anos, comezou a estudar percusión tradicional galega. Percusionista de moita experiencia a pesares da súa xuventude, actuou nos últimos anos, con artistas da talla de Mercedes Peón e dos gaiteiros Xosé Manuel Budiño, Edelmiro Fernández ou Iván Costa e compartiu escenario coas maiores figuras do folc mundial en festivais como o Intecéltico de Lorient (Bretaña), o Celtic Connections (Escocia), ou o Festival Folk de Dranouter (Bélxica).
Paco Quintas - Bar Liceum